O PP felicita a ACEBA polo seu traballo e implicación ao longo dos seus 25 anos de historia

Os voceiros do PP na comarca, reunidos con parte da directiva de Aceba en setembro de 2019.

O PP de Baiona felicita á Asociación de Empresarios e Comerciantes de Baiona (Aceba) por traballar na defensa dos dereitos do tecido económico local e visibilizar as necesidades do sector ao longo dos seus 25 anos de historia. Este mes de decembro cúmprese un cuarto de século desde que un grupo de empresarios, entre os que se atopaban Teresa Tornero, Carlos Rodríguez, Carlos Fernández, Isabel Alborés, Álvaro Álvarez, Mariano Sánchez, Agapito Comesaña e Pilar Varela decidisen en 1995 emprender unha recollida voluntaria de diñeiro entre o resto de comerciantes para darlle un impulso aínda maior á iluminación do Nadal do casco antigo. Para os populares, unha acción “valente que transformou as festas na nosa localidade, creou ilusión na veciñanza e incentivou o comercio local”.

Por esta mirada tan avanzada e polo traballo de quen lles continúe neste labor de “traballo” e “implicación”, para o PP esta data non pode pasar desapercibida “especialmente cando se cumpren 25 anos nun contexto tan difícil e excepcional como o actual no que o tecido empresarial e comercial local atópase tan danado por mor da pandemia do Covid-19”.

É por todo isto que o grupo municipal popular quixo facer chegar á directiva actual de Aceba as súas felicitacións a través dunha tarxeta do Nadal na que lembran aquel decembro de 1995, cando este grupo de baioneses e baionesas quixeron apostar por un ben común e grazas aos cales hoxe Baiona ten unha voz autorizada pola experiencia que representa á maioría do tecido económico local.