O baionés Brais Cedeira, galardoado nos Premios Xornalísticos da Fundación Policía Española

Brais Cedeira Comesaña é un dos galardoados nos Premios Cuerpo Nacional de Policía de Periodismo, organizados pola Fundación Policía Española. O xornalista baionés foi premiado na categoría escrita e dixital pola súa reportaxe sobre o labor da Policía Nacional, titulada “Persiguiendo asesinos y pedófilos: un día con el Grupo de Fugitivos de la Policía Nacional”, publicado en versión dixital no Diario El Español o luns 6 de xullo de 2020.

O xurado estivo formado por Pedro Díaz-Pintado Moraleda, patrón da Fundación Policía Española; Eulalia González Peña, comisaria principal, subdirectora xeral do Gabinete Técnico; Germán López Iglesias, patrón da Fundación Policía Española; Félix Simón Romero, patrón da Fundación Policía Española; Antonio Nevado Raja, director da Oficina de Prensa e Relacións Informativas da Dirección Xeral da Policía; Cruz Morcillo Macías, xornalista de radio e televisión; Nemesio Rodríguez López, presidente da Federación de Asociacións de Xornalistas de España; e Fernando Barrantes Guillen, secretario xeral da da Fundación Policía Española.

Brais Cedeira (Baiona, 1993) está graduado en Historia e Xornalismo pola Universidade de Navarra (2016). Foi durante o seu último verán na Universidade cando se incorporou como bolseiro á redacción de El Español na sección de Nacional. Aí traballa actualmente, encargado de cubrir a actualidade sobre as forzas de seguridade. Este é o segundo premio que recibe polo seu labor xornalístico neste medio.