A Área Sanitaria de Vigo continúa dotando de estabilidade laboral ao seu persoal. Así, trala incorporación dos profesionais que aprobaron a Oferta Pública de Emprego (OPE) ao Complexo Hospitalario de Vigo no pasado mes de setembro- 67 celadores, 32 auxiliares administrativos e 122 enfermeiras-, e a execución do Concurso de traslados externos aberto e permanente, continuouse cun proceso de estabilización, realizando interinidades e nomeamentos de longa duración a 256 profesionais das distintas categorías, tanto no ámbito da Atención Primaria como da Atención hospitalaria.
Neste senso, cubríronse 236 prazas do cadro de persoal mediante nomeamento de interinidade. En concreto, estabilizouse a 81 profesionais de distintas categorías profesionais para a Atención Primaria (entre eles a 23 médicos de familia, 10 pediatras, 2 odontólogos, 29 enfermeiras/os e 10 prazas de persoal de servizos xerais) e 155 profesionais para os hospitais (12 médicos, 53 enfermeiras/os, 50 Técnicos en Coidados de Enfermería, 3 fisioterapeutas, 4 matronas, 12 técnicos superiores e 21 profesionais de categorías non sanitarias).
20 nomeamentos de continuidade
A esta estabilización de profesionais, súmanse as vinculacións realizadas ao amparo do Acordo adoptado pola Comisión de Seguimento do Acordo de nomeamento estatutario eventual de continuidade, asinado entre a Administración e certas centrais sindicais. Con eta Acordo, trátase de dar continuidade na prestación de servizos aos profesionais, de xeito que realizáronse 20 nomeamentos de continuidade de enfermeiros/as, dunha duración de 12 meses, para prestar asistencia ás áreas funcionais vinculadas coa emerxencia sanitaria, que permiten atender tanto a necesidade de reforzo e emerxencias provocadas pola Covid-19 como a cobertura das ausencias de persoal.
197 contratos de reforzo pola Covid19
A maiores, engádese agora o novo Plan de continxencia en materia de recursos humanos (Covid-19), pactado na mesa sectorial de negociación do persoal estatutario, que na Área de Vigo supón a realización, no presente mes de decembro, de 197 nomeamentos cunha duración inicial de seis meses, de distintas categorías profesionais.
Estes nomeamentos de reforzo de emerxencia sanitaria, tanto no ámbito de atención primaria como hospitalaria, concrétanse en 102 nomeamentos de enfermeiras/os, 53 de Técnicos en Coidados de Enfermaría, 9 de Técnicos especialistas e 33 de distintas categorías de persoal non sanitario. Estes nomeamentos permitirán atender necesidades de persoal que se produzan para a atención directamente vinculada á causa de emerxencia sanitaria Covid-19, cobertura de ausencias, reforzo de Unidades, novas Unidades vinculadas a Covid19, etc.
Con estas medidas, a Área de Vigo reduce a taxa de eventualidade da organización en aras dotar de maior estabilidade no emprego ao persoal das distintas categorías profesionais, favorecendo a conciliación laboral e familiar e mellorando tamén a continuidade asistencial.

