Alumnado do IES Primeiro de Marzo dedica Cantos de Reis aos usuarios do Centro de Día de Baiona

Este luns, 21 de Decembro, o alumnado de 1º e 2º curso do Ciclo Superior en Animación Sociocultural e Turística do IES Primeiro de Marzo de Baiona, acudiron ó Centro de Día para Persoas Maiores de Sabarís coa intención de alegrar, polo menos durante unha xornada, ós seus usuarios e usuarias, que desfrutaron da experiencia amosando a súa ledicia e agradecemento por esta iniciativa.

Os efectos da pandemia sobre o colectivo das persoas maiores en institucións son múltiples, dende a limitación das posibles visitas a recibir, á redución da tipoloxía das actividades a realizar, sempre co obxectivo de garantir a súa seguridade fronte os perigos da COVID-19. Por esta razón, e ligado ó traballo que están a desenvolver no IES Primeiro de Marzo de recuperación e difusión dos Cantos de Reis, así como no seu empeño por abrir o seu centro á comunidade na que se atopa inmerso, xurdiu a idea de ofrecer un pequeno recital con algúns destes Cantos de Reis que conseguiron reunir.

Na organización desta iniciativa tivéronse en conta todas as medidas de seguridade necesarias, polo que a actuación realizouse co alumnado no exterior do Centro de Día, e as persoas usuarias desfrutando dende o interior, a través da gran cristaleira coa que conta o edificio que alberga este servizo. A chuvia non foi quen de impedir que se levase a cabo esta actuación, preparada con moito cariño por parte do alumnado deste ciclo superior.

A recuperación do patrimonio cultural, a organización e xestión de eventos, así como o traballo, entre outros, co colectivo das persoas maiores, son elementos propios da formación dos profesionais da Animación Sociocultural, polo que a actividade resultou moi enriquecedora para todas as partes implicadas.