
A Concellería de Deportes do Concello de Gondomar clausura este sábado 25 de maio a partir das 17:00 horas no Pavillón Bernabé Costas de Miranda as Escolas Deportivas da Deputación de Pontevedra e as Escolas Municipais do curso 2018/2019. Participarán nenos e nenas nas disciplinas Tenis de Mesa (17:00), Balonmán (17:10), Tenis (17:30), Baloncesto (17:50), Taekwondo (18:10), Fútbol (18:30), Patinaxe Artística (19:15) e Judo (19:35).
Contarán coa participación neste evento dos Clubs de Patinaxe Artístico Eixo Gondomar e o Club de Patinaxe Artística Gondomar, recentemente galardoado coa Medalla de Prata no Campionato Europeo de Patinaxe Artística Show e que no próximo mes de xullo participan clasificadas no Campionato do Mundo en Barcelona unha vez máis.
Como xa se ten anunciado, neste evento darase inicio á andaina do proxecto pioneiro de Igualdade en Vivo no que as concellerías dirixidas pola edil Nuria Lameiro traballan en transversalidade tendo ao fronte ao Departamento de Igualdade. Activarase este programa cun obradoiro de sensibilización contra a violencia de xénero orientado ao colectivo familiar e infantil para integrar con crecemento progresivo o Plan de Sensibilización activado neste Concello.
A Concelleira quere aproveitar esta oportunidade para agradecer a todos/as aqueles que participaron nestas actividades ao longo deste ano, ás familias e a adestradores/as.