O brote da Residencia Vila do Conde redúcese ata os 13 positivos

A Consellería de Sanidade vén de informar que 6 usuarios e 1 traballador da Residencia Vila do Conde de Gondomar que deran positivo por coronavirus retíranse do cómputo tras obter un resultado negativo. Con estes datos, a día de hoxe quedan 9 maiores e 4 traballadores contaxiados no centro situado na parroquia de Vilaza. Así mesmo, dez usuarias e usuarios faleceron con Covid-19, tres mulleres no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e un home e outras seis usuarias na propia residencia. Todos eles tiñan patoloxías previas. Os datos actualizados este domingo arroxan un total de 118 maiores usuarios de residencias e 125 traballadores contaxiados en Galicia. No que respecta aos centros para persoas con discapacidade, non hai ningún caso positivo entre os usuarios e 5 traballadores contaxiados.