Povisa cumpre estes días un ano desde a súa adquisición por parte do Grupo Ribera, que pechará este primeiro exercicio superando os 4 millóns de euros de investimento na renovación tecnolóxica e de infraestruturas do hospital.
Un dos exemplos máis claros do compromiso de Ribera con Povisa é o feito de que máis da metade das habitacións do hospital son xa individuais, tal e como se comprometeu hai un ano Alberto de Rosa, actualmente Director Executivo Europeo do grupo.
No ámbito das infraestruturas, Ribera levou a cabo desde entón a reforma integral de Urxencias e segue acometendo reformas de calado na entrada principal, en diálise, nas consultas da Clínica Colón 28 e en distintas melloras na Escola de Enfermería de Povisa, entre outras decenas de obras cuxo obxectivo é modernizar as instalacións e o equipamento do hospital.
Boa parte tamén dos máis de 4 millóns de euros investidos foron destinados á renovación tecnolóxica do hospital, coa adquisición de novos ecógrafos, equipos de electrofisioloXía, colposcopios, equipos de radiodiagnóstico, torres de laparoscopia, dotación dos quirófanos, melloras de equipamento na área de pediatría, equipos de cirurxía vascular, etc.
“Un ano despois de presentarnos ante a sociedade galega —dixo Elisa Tarazona, CEO do grupo Ribera— demostramos que o compromiso de mellora continua anunciado naquel momento, cumprímolo, e todo iso nun ano de enormes dificultades asistenciais e loxísticas que puxo de manifesto a gran profesionalidade de todo o equipo humano de Povisa. Seguiremos apostando por Vigo e por Galicia, e por un hospital como Povisa, que é unha referencia de calidade en toda España. Temos grandes proxectos para seguir modernizando as súas instalacións, renovando os equipos e ampliando servizos para ofrecer a mellor atención sanitaria aos nosos pacientes”.

