A biblioteca de Baiona, un dos piares da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a reforma e rehabilitación do edifico para a biblioteca municipal e o arquivo histórico de Baiona será un paso importante para a vila e para a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

O titular do Executivo galego salientou que o antigo hospital Sancti Spiritus cumpriu no seu momento unha función asistencial básica para a sociedade e agora “cumprirá outra igual de relevante: a de achegar coñecemento a todos os veciños de Baiona”.

O presidente do Goberno galego definiu ás bibliotecas como depositarias da memoria colectiva, axentes da democratización cultural e aceleradoras de innovación. Ademais, destacou que a cooperación é imprescindible para que as bibliotecas traballen en rede como os modernos sistemas de información, e para conseguilo está a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, que comparten carné único. Ademais, aludiu a que esa cooperación inspira tamén ás institucións que colaboran nesta actuación: o Ministerio de Fomento, a Xunta e o Concello e lembrou que o Goberno galego contribúen con 155.000 euros a esta obra.

Na mesma liña, destacou que a contribución da Xunta non remata aí xa que a Biblioteca Municipal de Baiona está integrada na Rede de Bibliotecas de Galicia, polo que comparte co resto de bibliotecas integradas rexistro bibliográfico. O presidente da Xunta destacou que entre os servizos que a Xunta presta á Biblioteca de Baiona están a plataforma de préstamos de obras dixitais GaliciaLe ou a Biblioteca Dixital en Rede con recursos como o Banco de contidos de Aula Planeta ou E-Junior (unha enciclopedia electrónica para rapaces de primaria e secundaria).

Durante a súa intervención Feijóo tamén lembrou que Galicia segue a mellorar as súas bibliotecas afrontando os grandes retos do futuro: como o apoio técnico e a formación dos profesionais, cunha liña de subvencións a concellos de Galicia para o equipamento e mellora das bibliotecas (dotada con 50.000 euros) que se complementa coa realización de convenios cos municipios, como no caso do Concello de Baiona. Tamén as subvencións para a mellora das coleccións, cunha liña de axudas para os concellos destinada a mellorar a colección das bibliotecas públicas dotada con 350.000 euros e outra para a adquisición de novidades editoriais en galego dotada con 200.000 euros.

Entre eses retos tamén salientou a posta en marcha de programas de dinamización da lectura como o Ler conta moito, que ofrece subvencións aos concellos galegos para programar actividades que animen a ler. E, finalmente, a aposta pola adaptación aos cambios tecnolóxicos e salientou que, en colaboración coa Amtega, estase a levar a cabo a implantación dun novo programa de xestión bibliotecaria.

O presidente da Xunta concluíu lembrando que a biblioteca de Baiona será un piar cada vez máis forte dunha Rede que avanza e destacou que, segundo os últimos estudos, aumenta o número de usuarios nunha porcentaxe en torno ao 7% anual, increméntanse as visitas ás webs e a presenza en redes sociais, aumenta a colección e estanse modernizando os equipamentos bibliotecarios.

Ademais, Feijóo reivindicou a aposta polas bibliotecas como un acto de xustiza e engadiu que a Galicia de hoxe traballa por conservar a memoria como “o legado máis valioso para os que están por vir”.

Anuncios