Augas de Galicia continuará explotando a depuradora de Gondomar

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe, en calidade de presidenta de Augas de Galicia, un convenio de colaboración co Concello de Gondomar, polo que a Xunta de Galicia continuará a facerse cargo da explotación da depuradora de augas residuais de titularidade municipal.

Ante a caducidade do convenio de colaboración que estaba en vigor ata agora, ao longo do último ano, a Xunta dirixiuse de forma reiterada ao Concello de Gondomar para ofrecerlle a posibilidade de que se fixese cargo do funcionamento da depuradora, de acordo coas súas competencias municipais.

Dado que o Concello de Gondomar non deu resposta a esas comunicacións da Xunta, e para evitar que a depuradora deixara de funcionar unha vez vencido o prazo de vixencia do convenio, a Xunta remitiu unha proposta de acordo para prolongar a súa vixencia e, desa forma, garantir con medios autonómicos, que as augas residuais de Gondomar continúen a recibir o tratamento axeitado. Ese convenio si foi aceptado polo Concello e hoxe foi asinado pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade.

En virtude deste convenio, a Xunta comprométese, a través de Augas de Galicia, a continuar a levar a cabo a explotación das instalacións da depuradora de augas residuais de Gondomar nas condicións técnicas axeitadas á súa capacidade e deseño e ás exixencias ambientais vixentes, realizando as actuacións oportunas para a súa axeitada conservación e mantemento.

A pesar de ser unha competencia municipal, en aras de colaborar e axudar a ese municipio no exercicio das súas competencias, a Xunta de Galicia vén explotando a depuradora de Gondomar desde xuño de 2005.

Trátase dunha inxente axuda da Xunta ao municipio, tanto desde o punto de vista técnico, como administrativo como, sobre todo, económico. En total, a Administración autonómica leva investidos máis de 8 millóns de euros no mantemento e explotación destra infraestrutura hidráulica.