Nigrán asina a súa entrada no programa “Xantar na Casa”

O alcalde de Nigrán, Juan González, asinou esta mañá na delegación territorial da Xunta a entrada oficial de Nigrán no programa “Xantar na Casa” do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, sendo o primeiro municipio na comarca do Val Miñor. A firma oficializouse coa delegada territorial, Marta Fernández-Tapias, e o xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez.

O servizo de comida a domicilio destinado a garantir unha alimentación saudable a persoas maiores de 60 anos, dependentes ou en risco de exclusión social comezará a funcionar na localidade a inicios de ano con 10 persoas inscritas. O obxectivo final desta iniciativa enmarcada no programa municipal “Un Nigrán para todos” é aumentar o número de usuarios sempre que existan solicitudes.

O obxectivo deste programa é aumentar a calidade de vida das persoas con problemas de autonomía, tendo un custe simbólico para o beneficiario de 1,76 € por menú (Concello e Xunta aportan o resto ata 6,60 €). Un día á semana os beneficiarios reciben no propio domicilio 7 bandexas cos menús correspondentes listos para quecer no microondas e con todas as garantías sanitarias (inclúen pan, primeiro prato, segundo e sobremesa).

Os menús son completos e equilibrados, correctamente condimentados e cunha boa presentación, variados e adaptables ás necesidades das persoas beneficiarias, os seus gustos e hábitos, así como á gastronomía local e á época do ano (trátase dunha dieta basal de 630-840 Kcal., o que supón o 35% do volume enerxético diario total, que no caso dos anciáns oscila entre 1.800 e 2.400 Kcal). Desde “Xantar na Casa” procuran especialmente o uso de produtos de orixe, elaboración ou transformación galega .

“Entréganse menús saudables listos para consumir que aumentan á calidade de vida das persoas dependentes e tamén a das súas familias, xa que facilitan a conciliación”, sinala o alcalde, Juan González, quen destaca o caso de moitos maiores que viven sos, especialmente do rural, e que non teñen a capacidade de ir a mercar os alimentos e poñerse despois a cociñar. “Moitos desexan manter a independencia de vivir nos seus propios fogares e, sen dúbida, este programa é dunha gran axuda”, engade Bibiana Peixoto, edil de Asuntos Sociais, quen subliña ademais o escasísimo custe económico que supón para o beneficiario. Ademais, ao comezo do servizo comprobarase que as persoas beneficiarias dispoñan de microondas, frigorífico, enxoval e calquera elemento preciso para a preparación e inxesta dos xantares, no caso de carecer de electrodomésticos poñerase a súa disposición un microondas e/ou frigorífico en réxime de depósito.

Desde unha perspectiva integral, “Xantar na Casa” pode complementar ao servizo de axuda o fogar permitindo manter ao máximo a propia capacidade de independencia e autonomía e posibilitando a permanencia nos seus propios fogares nunhas condicións aceptables, evitando o desarraigo ou retardando posibles institucionalizacións.

“En definitiva, damos un paso máis no noso proxecto “Un Nigrán para todos”, neste caso dirixido á facilitar a autonomía persoal ao tempo que garantimos unha alimentación saudable”, resume o rexedor.