Nigrán agasalla con cestas de Nadal ao seu voluntariado

O alcalde de Nigrán, Juan González, e as edís de Servizos Sociais e Voluntariado, Bibiana Peixoto e Patricia Diego, xunto ao de Sanidade, Alfonso Vázquez, entregaron persoalmente ao grupo de voluntariado do Concello as xa tradicionais cestas de Nadal. O goberno local agradece cada ano deste xeito o esforzo deste grupo que traballa desinteresadamente no Banco Municipal de Alimentos, o Roupeiro Municipal ou, como é o caso de Jesús Barros, exterminando vespas velutinas co concelleiro de Sanidade.

“Grazas a vós é posible que saian adiante cuestións claves para este goberno local que se encadran na vertente social de ‘Un Nigrán para todos’ e tamén na loita pola contención e erradicación da avespa asiática na localidade. Estades ao servizo da veciñanza de xeito totalmente desinteresado durante todo o ano e desde o Concello compre agradecelo tamén publicamente. Grazas pola vosa solidariedade, compromiso e bo facer”, subliñou o alcalde, Juan González.