Fundación “la Caixa” e CaixaBank colaboran con Menela para mellorar a calidade de vida das persoas con TEA

A Fundación “la Caixa” e CaixaBank mostraron o seu apoio á Fundación Menela, asociación que traballa desde Vigo con persoas afectadas polo trastorno de espectro autista (TEA) e as súas familias. Menela recibiu dúas colaboracións por un valor total de 48.000 euros que destinará aos seus proxectos de prevención do envellecemento prematuro, mobilidade e lecer inclusivo, e á posta en marcha do Centro de Recursos para persoas con TEA.

A primeira das axudas de 18.000 euros, concedida pola Fundación “la Caixa” a través da súa convocatoria de Promoción da autonomía persoal e atención ao envellecemento, á discapacidade e á enfermidade, destinarase ao programa de prevención de envellecemento prematuro en persoas adultas con TEA. O obxectivo do proxecto é a promoción do envellecemento activo en base a tres patróns: saúde, seguridade e participación. Este programa busca tamén dotar á persoa con TEA de competencias autónomas sobre a súa saúde.

A segunda destas axudas de 30.000 euros, achegados por CaixaBank a través do orzamento descentralizado da Fundación “la Caixa”, permitirá a Menela contar cun novo vehículo que dará servizo ao Centro de adultos Castro Navas, localizado en Nigrán. Unha furgoneta de nove prazas adaptadas facilitará a mobilidade dos adultos residentes e a súa oferta de lecer inclusivo.

Esta colaboración permitirá tamén a dotación e posta en marcha do Centro de Recursos para persoas con TEA que impulsa a Fundación Menela. Desde estas novas instalacións, que Menela pretende converter en referencia na xestión do TEA en Galicia, ofreceranse servizos de apoio a profesionais, familias e usuarios. Programará accións de formación e orientación, contará con centro de documentación sobre o TEA, e con áreas de formación ocupacional e de preparación para a vida adulta de mozas con TEA.

Segundo expresou o director de área de Negocio de CaixaBank en Vigo, Gonzalo Talegón, “a relación con Menela é desde anos atrás constante, pero este ano reforzamos a nosa colaboración”. “O máis importante desta achega non é a súa contía”, destacou, “senón a súa finalidade: axudar a que Menela poida prestar os mellores servizos aos seus usuarios e a que as persoas con TEA gocen dunha mellor calidade de vida”.

Cipriano L. Jiménez Casas, director xeral de Fundación Menela, pon en valor o apoio que vén prestando a Fundación “la Caixa” e “CaixaBank” nos últimos anos e que, nesta ocasión materialízase en tres proxectos ilusionantes que, coa mirada na persoa, van contribuír ao benestar emocional e inclusión social das persoas con Autismo.

Grazas á súa capilaridade territorial, a rede de oficinas de CaixaBank pode apoiar á Fundación “la Caixa” no seu labor social, detectando necesidades de entidades sociais locais como as de Menela e canalizando unha parte do orzamento da Fundación. En 2019, o 92% das oficinas do banco apoiaron algún proxecto social e fixeron posible que miles de pequenas e medianas entidades sociais solidarias puidesen acceder a axudas económicas para sacar adiante os seus programas.

A Acción Social, un dos piares do Plan de RSC de CaixaBank

Froito da colaboración entre a Fundación “la Caixa” e CaixaBank, cada ano, máis de 10.000 proxectos reciben, en conxunto, preto de 45 millóns de euros da Fundación “la Caixa” en favor de máis de 8.000 entidades sociais de todo o país. Desde o inicio da crise da COVID19, Fundación “la Caixa” destinou, a través de CaixaBank, 9,6 millóns de euros a 1.700 proxectos relacionadas co abastecemento de alimentos, material sanitario e emerxencias para dar resposta ás persoas vulnerables máis afectadas pola pandemia.