Baiona levará a pleno unha declaración institucional de apoio ao Baíña FS

O Grupo de Goberno do Concello de Baiona levará ao pleno telemático de mañá venres, 18 de decembro, unha Declaración Institucional de apoio ao Baíña FS. “Con esta declaración institucional queremos mostrar o noso máis firme apoio á causa emprendida polo club deportivo do noso municipio Baíña FS de non iniciar a liga por responsabilidade dados os complicados momentos que Galicia está a vivir como consecuencia da segunda onda do Covid-19”, manifesta o Alcalde, Carlos Gómez Prado.

“Este grupo de goberno mostra todo o seu apoio á directiva e xogadores do club baionés na súa decisión responsable e considera exemplar a determinación tomada polo club”. Ademais, o rexedor considera inxusta a decisión da Federación, que despois de varias reunións, a única solución que se lles ofreceu é a renuncia á praza de Terceira e/ou expoñerse a posibles sancións.

“En ambos os dous casos o club descendería á última categoría (liga local) e non podería volver xogar nesa categoría durante un número de anos, algo tremendamente inxusto para este club tan arraigado na nosa localidade. Sería un gran prexuízo para o club e para o deporte baionés, que chegou a Terceira a base dun proxecto e un traballo constante desde hai máis de 20 anos. Crear un proxecto serio cunha ampla base social, con xogadores da canteira (unha canteira que conta con máis de 120 xogadores), cun gran traballo non só de xogadores, técnicos e directivos, senón tamén de todo un pobo como Baiona, que apoiou ao club en todo momento, cun gran esforzo de moitos patrocinadores, e un gran traballo das institucións, que desde o minuto uno do proxecto axudaron aos baiñistas a crecer e ir ascendendo categorías ano a ano”, conclúe o rexedor.

O club non se deu nunca por vencido e continúa loitando por non iniciar a liga nestes momentos. Seguirá solicitando o aprazamento ata xaneiro, xa que nada indica que nas próximas datas a situación mellore senón todo o contrario. En caso de ser sancionados de forma tan grave, levarán a cabo distintas medidas e recorrerán á Xunta de Galicia ou outras institucións para evitar esta situación tan gravosa e que por querer ser responsables e apostar pola saúde, castiguen ao club dunha forma tan dura.

O Baíña non está só nesta petición, outros 3 clubs (Vila de Cee, Outeiro de Rei e Unión GR9) tamén solicitan este aprazamento alegando que, mobilizar cada semana a máis de 15 persoas para adestramentos e partidos por toda Galicia non é conveniente e só axudaría á propagación do virus. Ademais, os protocolos non son os correctos e son caros, o cal elevaría os custos do club nun ano onde a situación non é nada boa.

No caso do Baíña, a maioría dos xogadores son estudantes universitarios de dous campus diferentes da provincia e conviven cos seus pais e familiares. O xogar nestes momentos expoñeríaos xa non só a contaxios, senón tamén a confinamentos constantes como está a pasar noutras ligas que se están tentando disputar por Galicia.