Clausurado en Nigrán o programa de emprego inclusivo da Fundación Érguete

Fundación Érguete-Integración, Deputación de Pontevedra e o Concello de Nigrán celebraron esta mañá no Auditorio Municipal a clausura do curso “Acompañante de transporte escolar e comedor escolar” e “Auxiliar de Comercio” de mellora da empregabilidade dirixido a desempregados. Ao acto acudiu o alcalde de Nigrán, Juan González; a presidenta da fundación, Carmen Avendaño; e as deputadas provinciais Raquel Giráldez (Nigrán) e Iria Lamas (Gondomar).

O proxecto Emprego Inclusivo, promovido pola Deputación de Pontevedra, e desenvolvido coa colaboración do Concello de Nigrán e Zona Franca, estivo dirixido a desempregados, facilitando a súa incorporación ou reincorporación ao mercado laboral, mediante formación ou capacitación técnica e prácticas en empresa, e Itinerarios Individualizados de Inserción, que engaden á formación, os servizos de orientación e intermediación laboral. Precisamente, 5 persoas están xa actualmente a traballar a raíz destes cursos programados pola maior demanda destes perfís laborais debido ao Covid-19.

No curso aprenderon a realizar as tarefas de coidado e atención dos alumnos usuarios do servizo de comedor, inculcando bos hábitos alimenticios e ensinando ós nenos a comer de xeito saudable, e o control das saídas e entradas dos alumnos para que ningún abandone o recinto sen permiso. Na parte de acompañante de transporte escolar: o coidado dos menores durante o transporte e as operacións de acceso e abandono do vehículo, así como, no seu caso, da recollida e acompañamento dos/das alumnos/as dende e ata o interior do recinto escolar.

O de “Auxiliar de Comercio” desenvolveuse no Centro de Negocios de Porto do Molle dirixido tamén a mellorar a empregabilidade entre persoas en busca activa de emprego. Esta formación proporcionou a persoas en busca de emprego os coñecementos e as habilidades necesarias para realizar o traballo no sector do comercio e impulsar a súa inserción laboral. Entre as competencias xerais que adquiriron as persoas asistentes estiveron a prestación de atención e información protocolarizada e estruturada ao cliente; así como realizar actividades auxiliares de reposición e acondicionamento no punto de venda.