10.000 leds iluminan o Nadal desde Mañufe

Ao máis puro estilo dos EEUU, un veciño de Mañufe, Gondomar, decidiu poñer un toque de cor ao núcleo gondomareño con nin máis nin menos que 10.000 leds que, ademais de iluminarse en varias cores, “bailan” ao ritmo da música grazas ao sistema ideado por Miguel de Santos e a súa muller Tamara. O que empezou como algo meramente testemuñal e típico desas datas cunhas tiras de luces colocadas na fachada principal da súa vivenda, cos anos acabou adquirindo unhas dimensións dignas de admiración e hoxe esténdese por todas as caras da súa casa, garaxe, unha oliveira que a parella ten no xardín e o protagonista deste ano: unha gran árbore de seis metros de altura composto por 3.660 puntos de luz programados mediante un software ao que o mesmo Miguel deu vida e que permite que se movan ao ritmo da música que sae a través altofalantes colocados no exterior.

O seu proxecto comezou a coller forma a mediados de agosto, cando comezaron a realizar os primeiro pedidos de compoñentes, aínda que non foi ata outubro cando comezaron a instalalo. Grazas a varios titoriais e os coñecementos que o gondomareño ten en informática, a súa profesión, comezou a realizar unha serie de ensaios ata que conseguiu configurar a totalidade do sistema. “A verdade que as probas foron un éxito, tivemos un pequeno problema co cable de datos que manda as ordes ás luces da estrela e ao principio non se acendían na súa totalidade, pero como o fixemos con marxe solucionámolo”, explica de Santos. O autor de tal asombrosa iniciativa confesa que as luces do municipio veciño de Vigo teñen algo que ver, mesmo comparte banda sonora con algún que outro tema que soa polas rúas da cidade. “A verdade que nos encanta o decorado vigués, aínda que o noso repertorio musical é limitado contamos con seis cancións coñecidas, case todas de temática do Nadal pero hai excepcións, como a da película de Piratas del Caribe”, manifesta.

Cabe destacar que a árbore foi construída de maneira artesanal. O mastro central funciona como nervio do conxunto coroado por unha gran estrela da que saen 32 conexións sobre as que baixan os cables dotados dun centenar de portalámpadas cada un. Ante tal despregamento, faise realmente complicado que unha vez escondido o sol o espírito do Nadal tanto de Miguel como de Tamara pase desapercibido en Mañufe.

Navidad 2020 from Miguel Dos Santos on Vimeo.