Baiona substitúe as luminarias do viario do Rompeolas por outras de tecnoloxía LED

O Concello de Baiona continúa co seu plan para mellorar a iluminación pública da localidade. Nese sentido, procedeuse á substitución de todas as luminarias do viario da estrada a Camposantos, desde a rotonda da saída da autoestrada en Rocamar ata o Rompeolas, por tecnoloxía LED, para así conseguir unha iluminación de maior calidade, unha maior eficiencia enerxética e un aforro de enerxía.

Está a procederse á substitución das 42 luminarias do viario por tecnoloxía LED de alta calidade fabricada en Galicia, cunha resistencia especial á climatoloxía e á salitre mariña. Os cambios na iluminación están a levarse a cabo nestes días por Formatesa Lali SL, a empresa adxudicataria. As melloras supoñen un investimento de 11.188,00 €.

O estado actual da rede de iluminación pública está totalmente desactualizada, existindo unha gran cantidade de lámpadas de gran consumo. Neste caso en concreto, había 42 luminarias de 250W máis a reactancia que se están substituíndo por unhas de tecnoloxía LED cun consumo unitario de 108W.

Pola súa banda, o concelleiro responsable da iluminación pública, Óscar Martínez Álvarez, destacou que “esta actuación busca unha mellora para os usuarios diarios deste viario e para o Concello, que obterá un menor consumo e unha redución de avarías”.

O concelleiro engade que “ademais do importante aforro que terá o Concello de Baiona na súa factura eléctrica, as luminarias LED teñen unha vida útil de 50.000 horas (fronte ás 2.000 horas dunha lámpada estándar). A súa longa vida útil repercute nun aforro substancial tanto en gastos como en esforzos de mantemento. Esta vantaxe convértea na alternativa máis barata e eficaz para iluminacións públicas”.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, puxo en valor este gran investimento coa que se logra “reducir as emisións de CO2, a contaminación lumínica, potenciar a iluminación pública nunha das vías de acceso ao núcleo de Baiona por outro máis eficiente e con mellor rendemento, e reducir o consumo da electricidade en ata un setenta por cento, así como o gasto da luz que soporta o Concello mensualmente”. Gómez agradece o traballo levado a cabo polo concelleiro.