Unha empresa de Nigrán deseña unha máscara deportiva con filtro de nanofibras

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou hoxe en Porto do Molle a empresa téxtil Idawen Sports co obxectivo de coñecer de primeira man a nova liña de negocio derivada da Covid-19 de deseño de máscaras para a práctica do deporte, que a compañía a posto en marcha ao abeiro do programa de Galicia Exporta Dixital.

Segundo explicaron os responsables de Idawen Sports, con sede no polígono de Porto do Molle no municipio nigranés, a evolución mundial da crise sanitaria levou á empresa a traballar no desenvolvemento de tecidos e novos compoñentes que mellorasen a eficiencia de filtrado e respirabilidade das máscaras deportivas, complementando así a liña xa comercializada de roupa, bolsos e accesorios. Un produto que, afirman, espertou grande interese nos mercados internacionais.

Esta nova máscara deportiva incorpora o novo filtro PROVEIL®, desenvolto polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e o seu spin-off, a empresa Bioinicia. É un filtro baseado en nanofibras de filtración mecánica, non electroestática, polo que a respiración é máis cómoda, xa que disipa mellor a calor, a humidade e o CO2. Estes son os principais inconvenientes de levar a máscara en calquera momento, e máis cando se fai deporte.

O filtro está elaborado cunha capa extremadamente delgada de nanofibras, con diámetros máis de dez veces inferiores que as fibras convencionais. As nanofibras proporcionan unha filtración altamente efectiva para partículas pequenas en suspensión e microorganismos, así como bacterias e virus, sen que a eficiencia redúzase co tempo. Dispón de certificación UNE0065 e CWA 17553:2020.

As principais vantaxes do filtro PROVEIL® é que as nanofibras, ao ter o poro tan pequeno, ofrecen unha protección moito máis alta que outros filtros. E, por outra banda, esta non se ve comprometida pola humidade ou polo uso ao ser un filtro mecánico, polo que a súa duración é maior.

Ademais, Idawen Sports elixiu un deseño ergonómico que asegura un máximo confort e a liberdade plena de movementos que un deportista necesita. A cavidade interior facilita o fluxo do aire e evita que se pegue á cara. Os tecidos técnicos transpirables que utilizan (tecidos 3D microperforados ultra lixeiro e Mesh Fresh) evitan a condensación e acumulación da humidade, un dos principais problemas ao levar máscara.

O secado ultra rápido, grazas aos seus múltiples microperforacións, fai que a máscara se manteña sempre seca e lixeira. O axuste cervical diminúe a fuga e a entrada de partículas aerosolizadas, mentres que o axuste cranial incrementa o axuste da máscara liberando tensión e evitando o seu desprazamento vertical. A posibilidade de elixir entre cinco tallas (XS, S, M, L e XL) facilita aínda máis o axuste perfecto, o que repercute nunha maior protección e comodidade para o portador.

Esta nova máscara é lavable e, por tanto, reutilizable. Segundo o resultado do ensaio de usabilidade e estimando un uso en práctica deportiva de 2/3 horas diarias, recomendan 1 lavado semanal, polo que a súa duración é aproximadamente de 400 horas (5 meses aproximadamente).

Fernández-Tapias exemplifica nas máscaras deportivas de Idawen Sports a capacidade de expansión dixital do téxtil da área de Vigo

A representante autonómica destacou o apoio da Xunta aos plans de expansión dixital das 57 pemes e microempresas da comarca viguesa que se beneficiaron na actual convocatoria do programa Galicia Exporta Digital, a nova liña de axudas reforzada e adaptada ás necesidades que ten o tecido empresarial como consecuencia do novo contexto económico provocado pola pandemia da covid-19, e que no caso de Idawen Sports supuxo unha achega de preto de 32.000 euros.