
Esquerda Unida e Podemos Nigrán presentarán unha moción conxunta na que solicitarán que se inicie o expediente para a remunicipalización do servizo de recollida de lixo e de limpeza viaria. Na moción tamén pedirán ao goberno municipal que se lle reclame a CESPA os importes dos servizos cobrados por servizos non realizados que superan os 100.000 euros segundo se desprende dunha auditoría, aos que se sumaría outro tanto polo cobro da recollida de vidro, que a empresa recoñeceu que non realizou, “diñeiro co cal poderían comprarse bastantes máis cestas de Nadal das 60 que a empresa doou”.
“Despois de que estea documentado que a empresa concesionaria do servizo cobrara máis de 200.000 euros por servizos non prestados, e que o goberno municipal non llos reclame, non é de recibo que o alcalde de Nigrán se saque agora unha foto cos representantes desta empresa cando doan 60 cestas de Nadal”, indica José Cuevas, coordinador local de Esquerda Unida. Así mesmo, Xoán, voceiro de Podemos Nigrán, indica que se a empresa quere facer doazóns, benvidas sexan, “pero o alcalde non pode lavarlle a cara facéndolle esa publicidade. Non se pode estar en misa e repicando, non se pode estar cos intereses da veciñanza e cos dunha empresa do IBEX-35, polo que alcalde terá que decidir se lle reclama este diñeiro a CESPA para beneficio da veciñanza ou non os reclama, como fixo até agora aumentando os dividendos de CESPA”, finaliza o voceiro.
Ademais, vaise iniciar unha campaña informativa sobre as vantaxes que para a veciñanza tería a remunicipalización do servizo, entre as cales estarían unha maior flexibilidade á hora da prestación do servizo, unha maior equidade entre as parroquias e, sobre todo, máis barato para a veciñanza, xa que segundo un informe do Tribunal de Contas a limpeza viaria é un 63,4 por cento mais cara e a recollida de lixo un 39,4 por cento mais cara na xestión privada que prestados directamente de maneira pública.