Sin categoría

A Xunta activa a alerta laranxa por choivas no interior da provincia de Pontevedra

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar esta mañá unha alerta laranxa por choivas no interior da provincia de Pontevedra.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) no seu boletín desta mañá, o fenómeno meteorolóxico adverso xa está en curso e prolongarase ao longo da mañá. A previsión é que se rexistrarán precipitacións acumuladas en 12 horas de 80 mm.

Ademais, está activada tamén unha alerta laranxa por temporal costeiro que dará comezo hoxe a última hora da tarde no noroeste, oeste e suroeste da provincia de A Coruña e na Mariña lucense, por mar combinada do noroeste con ondas entre 5 e 7 metros.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Ante as fortes choivas, aconséllase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, evitar pasar preto de árbores, paneis publicitarios, andamios e obxectos que poidan ser derrubados polo vento, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse (pontes, torrentes, etc.), non aparcar nas ribeiras dos ríos, non utilizar vehículos lixeiros nin de pouca estabilidade ( bicicletas ou ciclomotores) e retirar todos os obxectos que poidan caer á rúa dende tellados, balcóns e ventás.

Por causa do temporal costeiro, a Xunta lembra a importancia de manterse afastados da liña de costa, isto é, de diques, rompentes, espigóns, peiraos, praias, paseos marítimos, e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar, co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Tamén se aconsella extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.

Ademais, aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas. Recoméndase consultar a páxina web do CIAE 112, que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.