A Comunidade de Montes de Vincios rexeita “sen paliativos” o parque eólico proxectado no Galiñeiro

A Comunidade de Montes de Vincios fixo público este xoves o seu posicionamento sobre o parque eólico proxectado na Serra do Galiñeiro. Dende a capacidade soberana de decisión, a asemblea de comuneiros decidiu o rexeitamento sen paliativos da implantación do parque eólico sobre a superficie propiedade do monte veciñal. Esa mesma capacidade soberana podería ter decidido dentro das súas atribucións apoiar a instalación do mesmo, pero non o fixo, e non o fixo entre outras cousas polo seguinte:

“Para os comuneiros do monte veciñal de Vincios, o noso monte é algo máis que unhas rochas sobre as cales sopra o vento. Forma parte dende tempos inmemoriais do sustento e cultura da Parroquia e a súa contorna. Pero ademais a silueta no horizonte do Galiñeiro e única e inconfundible, visible dende moitos puntos da provincia, recoñecida internacionalmente e orgullo de todos os veciños. Esa imaxe non debe cambiar. Cambiala é mudar a historia dunha parroquia que síntese moi orgullosa e representada por ela”, afirman.

“Isto podería ser motivo suficiente –continúan-, pero a quen non lle chegue, lle diremos que ademais dos argumentos expostos polas diferentes organizacións que non apoian a implantación do parque, dende o punto de vista ecolóxico, paisaxístico, etc. cos cales concordamos, os veciños comuneiros queremos facer valer a prevalencia, a prevalencia do que xa existe… os servizos do ecosistema”.

Recordan ademais que a parroquia e a súa contorna bebe a auga que recolle este monte, auga limpa, sen contaminación, auga “verde” que permite non ter que utilizar bombeo, “todo é caída libre, tubaxes menos longas… e polo tanto non contaminan”. “As árbores que estamos a plantar, reconstruíndo un monte queimado na súa totalidade no ano 2017, e sen axuda de ningunha institución, son o futuro da biodiversidade e a garantía de que non haberá perda de solo, nin escorrentías de auga de chuvia que xeren riadas e diminución dos acuíferos”.

Esas mesmas árbores, segundo os comuneiros, xa son sumidoiros de CO2 que están a contribuír cos obxectivos para deter o cambio climático que Europa quere reverter, e finalmente, destacan que este monte é zona de esparexemento e lecer de miles de persoas que buscan nel o que as cidades lle quitan, ou simplemente facer deporte, pasear, desfrutar do contacto coa terra.

“Como xa somos verdes, non precisamos de que 400 hectáreas do noso monte, practicamente todo, estean a disposición dun futuro parque eólico que lonxe de mellorar a vida das persoas que vivimos, vai facer pistas, soterrar cableado, construír subestacións, etc. que van mudar para sempre todos eses servizos ecosistémicos dos que falamos anteriormente. Caendo nunha terrible contradición, ¿como é posible que para obter un beneficio “verde” eliminemos todos os demais que xa existen “verdes”?. Non se sostén”, conclúen desde a Comunidade de Montes de Vincios.