Sin categoría

O PP de Baiona critica que se cobre o 100% da taxa de lixo ao comercio e hostalería

O goberno local de Baiona acaba de enviar a todos os veciños o recibo anual do lixo co mesmo importe que en 2019 sen ter en conta aos autónomos, comerciantes, hostaleiros e as pequenas e medianas empresas da localidade que se viron obrigadas a cesar a súa actividade durante os tres meses de confinamento. É dicir, todo o tecido económico non esencial (máis de 300 negocios) que estivo coas portas pechadas ao longo deste tempo e que, por tanto, non xerou ningún tipo de residuo, xa tivo que abonar, como mínimo e dependendo do sector, 262 euros por este servizo en 2020.

Con todo, segundo o Partido Popular de Baiona, o goberno local saíu beneficiado desta paralización da economía local por mor da pandemia porque, a xulgar por estes recibos, recadará a mesma cantidade de diñeiro que nunha situación normal a pesar de que gastou menos porque durante ese trimestre e, por tanto, a factura a Sogama foi inferior ao reducirse o número de toneladas xeradas.

Para o PP baionés, sería “de xustiza” do alcalde, Carlos Gómez, e o seu equipo, o descontar da factura anual a porcentaxe correspondente aos meses de marzo, abril e maio. “Todos sabemos o mal que o pasaron e que o están pasando estes sectores e fose un xesto cara a todos eles o eximirlles, polo menos, do pago deste trimestre que supoñería o 25 por cento do importe anual”, consideran desde o grupo municipal popular, que xa propuxo ao tripartito esta medida o pasado mes de xuño e que volveron a ignorar.

Malestar no sector económico

Os propios afectados trasladaron ao PP local o seu malestar con esta “falta de sensibilidade” do Alcalde e de todo o seu equipo por non buscar alternativas legais que permitisen esta exención que, aínda que se trata dunha contía pequena, supoñería unha mostra de comprensión e de solidariedade con tantos centenares de familias baionesas ás que a crise do Covid-19 colocou nunha situación moi delicada. Razoan que isto non requiriría de investimento municipal senón dun trámite que, do mesmo xeito que fixeron outros concellos da contorna, senón deixar de ingresar unha cantidade de diñeiro que o Concello xa se aforrou nas facturas a Sogama.

Cuestión coa que os populares están de acordo tal e como manifestaron en xuño. “Que podemos esperar dun goberno local que mira para outro lado cando os seus veciños e comercio están a pasalo mal por cuestións de forza maior?”, pregúntanse desde o PP local que insisten en que “como administración máis próxima o tripartito debía de traballar desde o mes de marzo neste tipo de cuestións e nove meses despois só pensa en recadar así como en aumentar a partida para os seus salarios, sen preocuparse en poñer en marcha nin unha soa medida de apoio ao sector económico local”.

Ante a pasividade do Alcalde, o PP expuxo o pasado mes de xuño ao goberno de Baiona un paquete de medidas (entre elas a exención do trimestre do lixo) que non aceptaron, fóra da da taxa das terrazas. Tamén para 2021 e ao ver que o orzamento para o ano que vén non incluía ningunha iniciativa para axudar ao comercio e as empresas baionesas, presentaron unha listaxe de emendas que, novamente, rexeitaron. “Non aceptan o que lles propoñemos pero tampouco traballan para elaborar as súas propias”, critican os populares.