A Cabalgata de Reis de Baiona será estática no Parque da Palma

O Alcalde de Baiona e a concelleira de Cultura desvelaron un dos segredos mellor gardados da programación do BaiNadal: a visita dos Reis Magos. O Concello de Baiona decidiu modificar a súa tradicional Cabalgata de Reis, que habitualmente percorría as súas rúas máis importantes o 5 de xaneiro, e deseñou unha versión de “cabalgata visitable e estática”, coas tres carrozas de Melchor, Gaspar e Baltasar, que os veciños e veciñas poderán admirar desde certa distancia no Parque da Palma.

Esta é a aposta para evitar aglomeracións que deseñou a Concellería de Cultura, que está a organizar un dispositivo especial para que a tarde do 5 de xaneiro colóquense as carrozas neste espazo seguro, o Parque da Palma, onde as persoas interesadas poidan visitalas entre as 17:00 e as 21:00 horas. Neste evento do Nadal os Reis Magos “estarán atentos e saudando a todas as persoas que pasen polo percorrido, que estará controlado, marcado coas pautas de seguridade, e tomaranse todas as medidas de seguridade pertinentes”.

Así mesmo, para garantir que ninguén quede sen ver aos Reis Magos e co fin de evitar aglomeracións o propio 5 de xaneiro, un día antes, o 4 de xaneiro, a Comitiva Real desprazarase ata distintos puntos das parroquias baionesas. “Desde o Concello de Baiona escribimos un email aos Reis Magos de Oriente para que fixesen un esforzo extra na nosa localidade e fagan un alto no camiño o luns día 4 para visitar aos nenos e nenas das nosas parroquias”, matiza a concelleira de Cultura, Miriam Costas, encargada do departamento que deseñou toda a programación do Nadal de Baiona.

Deste xeito, será a primeira vez que as súas maxestades de oriente visiten as distintas parroquias do municipio baionés. Na folla de ruta das súas maxestades para este día figuran as seguintes visitas: á parroquia de Baredo de 17:00 a 18:00 horas (lugar a concretar), a Fontes-Baíña (concretamente á rotonda do CEIP Fontes-Baíña) de 19:00 a 20:00 horas, a Belesar (chaira do CEIP de Belesar) de 17:00 a 18:00 horas e a Sabarís (na Praza Victoria Cadaval) de 19:00 a 20:00 horas.

En canto aos habituais caramelos, este ano non serán lanzados desde a Cabalgata, senón que serán distribuídos polos paxes dos Reis Magos en bolsas individualizadas. Os paxes tamén serán os encargados de facer chegar á Comitiva Real as cartas de última hora daqueles nenos e nenas que queiran facerllas chegar ás súas Maxestades de Oriente.

“Unha comitiva estática e o público pasando ordenadamente e con distancias”, así será a Cabalgata de Reis da vila mariñeira este ano”. Así o revelou o alcalde, Carlos Gómez Prado, que a pesar da situación sanitaria non quere renunciar nin á Cabalgata de Reis nin aos festexos propios do Nadal. “Desde o Concello de Baiona mándase unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía xa que se van a poñer as medidas de seguridade e preventivas necesarias, cumprindo a normativa marcada pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. O obxectivo xeral é reducir ao máximo o risco de contaxio e transmisión da pandemia á vez que se goza da oferta cultural do Nadal”, matizou o rexedor.

O Alcalde e a concelleira de Cultura quixeron agradecer o traballo realizado polo departamento de Cultura, encargado de deseñar toda a programación de Nadal, e aos operarios municipais que “fixeron un magnífico traballo de iluminación con respecto ás carrozas. Traballan a contrarreloxo para poder gozar dunhas carrozas iluminadas con millóns de puntos led”.