Homenaxe virtual ao mestre Secundino Pérez Sanromán

Este ano a pandemia non permite celebrar o que sería o VI Memorial Secundino Pérez Sanromán, acto homenaxe ao profesor e gaiteiro Secundino Pérez Sanromán dos que foron os seus alumnos e alumnas nos grupos que grazas a el, tamén, fóronse fundando no Val Miñor, e que vénse organizando desde o ano 2015.

Natural de Chandebrito, Secundino Pérez Sanromán foi un músico vocacional e autodidacta que se dedicou ao ensino da nosa música tradicional durante máis de corenta anos. Chegou ser un referente da música tradicional galega, gaiteiro, saxofonista, mestre de varias xeracións de músicos, compositor, é unha persoa inesquecible para todas e todos os que tiveron a oportunidade de aprender con el.

Por iso, como recordo e recoñecemento, os que un día foron os seus alumnos e alumnas veñen organizando esta homenaxe que cada ano organiza un dos grupos en que el foi mestre.

Nesta edición de 2020, corresponderíalle a organización do acto ao Grupo Ardelume de Baíña, pero como co Covid-19 non é posible, queren deixar constancia do recordo anual ao mestre cun vídeo, xunto co resto de agrupacións do Val Miñor: Ecos e Agarimos de Peitieiros, Grupo de Gaitas Novos Aires de Couso, Breogán Valle Miñor, Grupo de Baile e Gaitas A Merced de Chaín, Aires de Santes de Vincios, Grupo O Castro de Chandebrito, Grupo de Gaitas O Torreiro de Priegue, agradecendo o seu legado.

Tamén teñen un recordo para Teodoro de la Peña Barbosa, fundador da Asociación Cultural Breogán Valle Miñor, falecido o 21 de agosto deste ano.