O RCN Valencia defende en augas de Baiona o liderado no Trofeo Loterías y Apuestas del Estado

Tras a tempestade vén a calma e a meteoroloxía mostrou hoxe a súa outra cara en augas de Baiona para iniciar a segunda fase do Trofeo Loterías y Apuestas del Estado, con ventos que non superaron os 7 nós de intensidade, inestable en dirección e mar calma.

A xornada aproveitouse ao máximo para pechar o día con catro enfrontamentos case completos, tras os que o equipo do Real Club Náutico Valencia, patroneado por Alex Rodger, mantense á fronte da táboa cun bo colchón de puntos sobre o Real Club Náutico de Arrecife de Gonzalo Morales.

Pero é o Club Náutico Torrevieja, de José Manuel Ballester, quen ocupa agora o terceiro chanzo do podio, desbancando ao Real Club Náutico Gran Canaria de Onán Barreiros.

As clasificacións apértanse ata a sexta posición, á que accede o equipo anfitrión, patroneado por Manuel María Cunha, que fai alarde do seu bo coñecemento do monotipo sumando hoxe os mellores parciais con tres primeiros postos, o que lle vale para ascender dous postos na táboa e entrar nese compacto grupo que mañá o dará todo por entrar no podio.

A satisfacción e o empuxe do equipo do Monte Real Club de Yates quedan claros nas palabras de Jaime de la Gándara, tripulante do equipo que lidera Cunha: “A verdade é que fixemos tres probas e tres vitorias pelexadas, loitamos ata o final. En Calpe non coñeciamos nin o barco nin as condicións, pero aquí é distinto. Hoxe todos cometemos erros: o campo é difícil e todos tivemos problemas, pero soubemos solucionalos pronto”.

Respecto ás opcións cara á xornada final, o tripulante galego mostra cautela: “O nivel é moi alto e é bastante difícil manterse nos postos de cabeza porque hai moita pelexa. Para mañá o parte é complicado, todo vai ser máis difícil polo vento, o mar e o frío. Queremos estar na final, pase o que pase, e poñer o nome de Baiona o máis alto posible”.

As Instrucións de Regata sinalan as 11:00 horas de mañá luns como hora de inicio para as primeiras probas, cun parte meteorolóxico que anuncia máis vento, e un programa que prevé a celebración de máis probas clasificatorias ata as 12:30 horas para proceder entón ás finais, con tres regatas que puntúan dobre e ás que accederán os seis primeiros clasificados.

E tras unha apaixonante final, Samuel Beneyto proclamouse gañador individual do Trofeo Loterías y Apuestas del Estado, a Liga Española de Vela na súa versión eSailing, impoñéndose a Miguel Cruz, segundo clasificado, e Joan Ravie, terceiro.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.