O IIS Galicia Sur bate récords de actividade e afronta a acreditación do Instituto de Salud Carlos III

O Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) bateu récords de actividade no último exercicio, segundo consta na Memoria Científica que se aprobou na reunión que mantivo o Consello Reitor da institución. Un aumento de actividade que serve para afrontar, de forma definitiva, a acreditación oficial do Instituto de Salud Carlos III (ISCIII), obxectivo para o que se traballa desde hai anos.

A reunión celebrouse de forma telemática mediante videoconferencia entre o Hospital Álvaro Cunqueiro, sede do Instituto, e o resto das administracións cuxos responsables forman parte do Consello Reitor. Estivo presidida polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e á mesma asistiron o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o xerente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández Campa; o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente; o director científico do Instituto, José Ramón Fernández Lorenzo; a directora da Fundación Biomédica Galicia Sur, Beatriz Gil de Araújo; a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, María Belén Rubio; o investigador e xefe do servizo de Pneumoloxía do CHUVI, Alberto Fernández Villar; e os investigadores da Universidade de Vigo, África González e Federico Mallo.

O director científico do IISGS, José Ramón Fernández Lorenzo, foi o encargado de informar os membros do Consello Reitor das novidades do último ano, así como de presentar a Memoria Científica correspondente a 2019.

Os parámetros de calidade e os indicadores do Instituto están xa adaptados á nova Guía Técnica de Acreditacións do ISC III, segundo explicou o doutor Fernández Lorenzo ao comezo da súa exposición.

Indicadores en aumento

O contido da Memoria Científica do IIS Galicia Sur non deixa lugar a dúbidas sobre a intensa actividade despregada. Os indicadores mostran un aumento exponencial en cada unha das 6 Áreas de Investigación e nas 2 que están consideradas como transversais.

De feito, o número de grupos de investigación adscritos ao Instituto sitúase xa en 56, tres máis que na anterior memoria. Trátase dos grupos de Uropatoloxía, Tenfasa (Testando novas formas de asistencia sanitaria) e Wellmove (Benestar e movemento).

Un crecemento aínda máis significativo é o correspondente aos artigos científicos indexados, que se situaron en 433 no último exercicio, o que supón un aumento de case o 34% con respecto ao anterior. Eses artigos xeraron un factor de Impacto Acumulado de 2.018, cifra que supera á anterior en máis de 600 puntos. Mentres, o número de capítulos publicados en libros científicos foi de 44, tamén en crecemento.

O IISGS ten nestes momentos un total de 127 proxectos activos, dos que o 77% están liderados por investigadores propios. Desa cantidade, 103 corresponden a proxectos nacionais e o resto, 24, a proxectos internacionais.

Se a cifra de proxectos é moi significativa da actividade do Instituto, non o é menos o número de estudos clínicos activos, que ascenden a 547. Deles, 194 asináronse ao longo do ano 2019.

Os investigadores do IIS Galicia Sur dirixiron, ademais, 44 teses doutorais, o dobre que no exercicio anterior. E participan en 47 patentes que están en vigor.

Toda esta actividade provocou que aumentasen tamén os ingresos xestionados, que no ano 2019 ascenderon á nada desprezable cifra de 5,9 millóns de euros.

Novos contratos e subvencións

O Instituto logrou, ademais, novos contratos de investigación ao longo de 2019 e no que vai de ano 2020. O primeiro deles foi o contrato “Miguel Servet” do investigador Samuel García, que se incorporou a principios deste ano ao IISGS. Pertence ao Grupo de investigación IRIDIS (Reumatoloxía e Enfermidades Inmuno-Mediadas).

Ao longo deste mesmo ano lográronse outro “Miguel Servet”, a cargo de Mónica Martínez, do Grupo de Oncoloxía Traslacional, e dous contratos “Río Hortega”, un para o Grupo IRIDIS e outro máis para o Grupo de Enfermidades Infecciosas.

Doutra banda, durante o último exercicio conseguiuse a concesión de 28 subvencións nacionais á investigación (7 delas do IIS Carlos III) e 3 internacionais.

Excelente balance

“Os datos están aí e pode dicirse que presentamos un excelente balance, que nos permite albergar a esperanza de seguir crecendo na investigación”, manifestou o director científico do Instituto, José Ramón Fernández Lorenzo, que tivo palabras de agradecemento para o persoal do IIS Galicia Sur, que ascende xa a máis dun milleiro de profesionais, entre investigadores, técnicos, colaboradores e persoal de xestión.

O Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur naceu dun acordo entre o Sergas e a Universidade de Vigo. Nestes momentos aglutina ás áreas sanitarias de Pontevedra, Ourense e Vigo, así como aos tres campus da universidade viguesa.