Bombeiros forestais demandan máis prevención nos montes ampliando o traballo a todo ano

Máis de setenta personalidades e agrupacións galegas, relacionados co mundo da ciencia, actores, escritores, músicos/as, avogados/as, ecoloxismo e a produción sustentable entre outros/as, veñen de asinar e apoiar o manifesto “Máis prevención cara unha menor extinción”, impulsado pola Brigada Viladesuso, do Baixo Miño, xunto aos/as centos de traballadores/as de reforzo da campaña de verán (6 meses) dos anos 2019, 2020 e 2021 da Xunta de Galicia, que demandan realizar unha Prevención Efectiva nos nosos montes ampliando o traballo a todo o ano.

Actores de relevo coma Luis Tosar, a cineasta Margarida Ledo, grupos de música tradicional, como os internacionalmente recoñecidos Milladoiro, cantoras do momento como SÉS (gusta ela definirse así) ou a gaiteira Susana Seivane, os escritores Manuel Rivas e Suso de Toro, analistas políticos coma Antón Losada ou Carlos Taibo, ilustradores gráficos como Miguel Anxo Prado, Xaquín Marín e Luis Davila, históricos do fútbol coma Otero do Celta e Nacho do Compostela, entidades medio ambientais como ADEGA e a CEMMA e os sindicatos agrarios SLG (Sindicato Labrego Galego) e a FRUGA (Federación Rural Galega).

Engrosan a lista anterior as persoas relacionadas coa ciencia e o ensino, estudosos/as do sistema agrogandeiro e o eido forestal galego como Ana Cabana, profesora na USC, Adrián Regos, profesor na USC de Antropoloxía Física que vén de publicar na revista Science, Marisa Castro, profesora de Bioloxía e Ciencias do solo na UVigo, Xoán Carlos Carreira “Calín”, profesor de enxeñería forestal na USC en Lugo, Mar Pérez Fra, profesora de Economía Aplicada na Escola Politécnica de Lugo, María Isabel Bandín Matos, Doutora en Microbioloxía e Parasitoloxía, Salustiano Mato de la Iglesia, ex reitor da Uvigo, catedrático en ecoloxía, Xavier Simón, profesor de economía aplicada na UVigo, Xurxo Pérez Pintos e Xosé María Bouzó, biólogos e autores de varios ensaios sobre a relación do medio natural e o home en Galicia e Adolfo Cordero Rivera, catedrático de ecoloxía na UVigo.

O Manifesto aborda a fondo a problemática que sacude ano tras ano os nosos montes. Partillan cos/as Bombeiros/as que o problema hai que solucionalo cun cambio radical do paradigma defensivo-extintivo e demandan da Administración Autonómica busque a formula para ampliar a súa contratación cun xiro de 180ª cara Políticas Preventivas que freen esta lacra medioambiental, social e económica. Asumen que o sistema extintivo, si ben é bo e efectivo, cos cambios que se están dando na tipoloxía de incendios. O lume está a coller a dianteira e en consecuencia o sistema colapsa, vólvese non pro-activo ademais, cando a simultaneidade choca co limitado dos recursos. Por iso súmanse a solución dunha mudanza total do sistema de Prevención do SPCIF, por un que contemple unha intervención máis decidida. Demandan:

  • Ampliación contractual do corpo o Colectivo de Traballador/as de 6 meses para poder realizar as urxentes labores preventivas que Galicia precisa. Actualmente a Prevención é escasa e ineficaz: os dous meses de Prevención por catro en Extinción en Máximo Risco. Conscientes de ser un excelente capital humano moi experimentado, ben formado que a Consellería non se pode permitir a inestabilidade laboral, desperdiciar que abandone o Corpo a outros empregos non relacionados ou emigre ao exterior. Para que entón os distintos executivos autonómicas gastaron na súa formación? Non facer uso destes efectivos non sería dilapidar os sagrados recursos públicos?
  • Priorizar con urxencia sobre as amplas zonas abeiradas a núcleos urbanos e sobre todo nas partes do País máis susceptibles a sufrir incendios coa eliminación das especies pirófitas (usan o lume para espallarse e consolidarse) nomeadamente eucaliptos, acacias e piñeiros e a matogueira adosada. Evitar un Pedrogao en Galicia.
  • A tarefa non menos prioritaria de mudar a faciana de nosos montes é colosal pero imprescindible. Débese recuperar o rural acometendo a urxente tarefa de volver a recrear (ou manter e mellorar onde xa exista) un espazo agrogandeiro que faga de mosaico defensivo contra o lume. Cambiar a abafante política forestal por as especies forestais mais nosas: carballo, castiñeiro, cerdeira (especie melífera para as abellas) pradairos e defender a matogueira coma un ben.
  • Axudar a xerar ecosistemas sans que sirvan para por freo as temidas pandemias que nos asolan e que así contribuiriamos a frear para outras que chegaran inevitablemente de seguir o mundo polo camiño que leva.

MANIFESTO: MÁIS PREVENCIÓN CARA UNHA MENOR EXTINCIÓN

Os INCENDIOS FORESTAIS son unha pesada lousa para a sociedade galega. Os terribles efectos destrutivos coa queima ano tras ano dos nosos montes teñen consecuencias medio ambientais fatais, socialmente provocan estados de emerxencia, perdas materiais e un gran risco para as vidas humanas.

Co cambio climático chegaron os incendios de 6ª xeración perceptibles globalmente: California, Australia, en Siberia (territorios onde se dan vagas de incendios irrefreables). Agora tamén no corazón da mesma UE: Grecia, Centroeuropa e Escandinavia e na semellanza, o funesto 2017 na nosa Terra.

Estes incendios sobardan calquera Dispositivo de Extinción no planeta por máis amplo e efectivo que sexa. En Galicia nos anos con condicións climáticas adversas (períodos de prolongadas secas, vento do nordés, pouca humidade)agrávanse polo abandono do rural, o estado actual de moitos dos nosos montes sumado a desidia en amplas areas de interface urbano-forestal.

A gran materia pendente da Xunta de Galicia: unha mudanza do noso abandonado e triste panorama forestal. Mudanza por montes máis nosos, xestión e ordenación forestal e aplicar unha PREVENCIÓN REAL. Non hai atallos.

DEMANDAMOS:

Que o Colectivo de Traballador/as de 6 meses coma profesionais esenciais, cualificados, formados e experimentados en múltiples campañas de extinción no verán, deben camiñar sen demora a formar parte dun corpo estable e profesional de prevención o resto do ano. Que podan incidir, así, nunha ampla superficie do territorio cunha urxente primeira etapa inmediata e imprescindible: intervir no estado calamitoso de amplas zonas abeiradas aos núcleos habitados, eliminando de urxencia as especies pirófitas (eucaliptos, piñeiros e outras). A catástrofe de Pedrogao Grande é o exemplo perfecto do que pode acontecer na nosa Terra e non hai tempo que perder.

Accións silvícolas preventivas reais: rozas amplas con maquinaria rodada (tractores de cadea, brazos mecánicos..)queimas prescritas múltiples para xerar descontinuidades forestais e crear pastos en zonas gandeiras,…

Só así e contribuíndo a xerar ecosistemas equilibrados e sans en/con máis amplas repoboacións autóctonas e diversificadas para as zonas atlánticas e as acaídas onde sexan, poderemos pórlle couto tamén as tan temidas pandemias como a COVID-19, e a febre do Nilo (xa ás portas) e a chegada de máis especies exóticas que deriven en pragas.