Os hostaleiros inician as concentracións diarias na Ramallosa

Durante un mes, os hostaleiros de Nigrán e Gondomar van manifestarse diariamente ás 18:00 horas na ponte da Ramallosa, a modo de protesta. O peche da hostalería nestes dous municipios ás 17:00 horas e a limitación de aforo ao 30%, nunha comunidade autónoma onde as terrazas a estas alturas do ano, non son operativas, reduce en gran medida a facturación duns empresarios que viron reducido o seu ano 2020, a oito meses de traballo, coas consecuencias económicas graves que iso conleva.

Estas novas restricións son asumidas por parte dos empresarios hostaleiros con resignación e enfado, xa que unha vez máis se lles segue tratando con inferioridade a outros sectores produtivos e discriminando de forma alarmante. Decidiron ademais facer unha recollida de firmas pedindo á Xunta e ao Goberno Central que a hostalería non volva pecharse, xa que está máis que demostrado que non son o problema e que, a pesar do seu peche, os casos seguen en aumento, confirmando que os seus negocios son totalmente seguros ante a COVID-19.