O PP de Baiona non ve “lóxico” o incremento do 50% na partida para a iluminación do Nadal do próximo ano

O PP de Baiona quere manifestar o seu “total apoio” á instalación de iluminación do Nadal nestas datas debido a que supón un incentivo tanto para os veciños como para o fomento do consumo no comercio e a hostalería locais, neste momento tan castigados pola pandemia. Con todo, non ve “lóxico” e non comparte que no Nadal de 2021 o goberno local queira gastar un 50 por cento máis en luces cando neste momento o máis importante é a Emerxencia Social.

Os populares consideran que o número de familias que necesitan axuda creceu desde que se desatou a crise económica do Covid-19 e, ante a incerteza do que poida suceder o ano que vén pola evolución do virus, o máis “coherente” sería destinar esa subida do 50 por cento prevista en iluminación a satisfacer as necesidades máis básicas dos veciños de Baiona mediante a xestión da área de Benestar Social.

Precisamente, esa foi a proposta que o PP baionés presentou no pleno da semana pasada no que debateron as contas do ano que vén a través dunha emenda que o tripartito rexeitou co seu voto en contra, do mesmo xeito que o resto de iniciativas expostas para tratar de mellorar o orzamento e tentar adaptalo ao contexto actual e que podería estar por vir.

“Cremos que a iluminación do Nadal que se coloca en Baiona neste momento é suficiente, porque así o foi ata o de agora, e non entendemos que a única preocupación deste tripartito sexa aumentar o gasto en luces e, con todo, esquézanse dun Plan de Reactivación de apoio ao comercio e a hostalería que tanta falta fai”, opinan os populares.