Unha foto de Miguel Riopa na UCI-Covid de Povisa, seleccionada entre as mellores de 2020

Unha imaxe captada polo fotoperiodista galego Miguel Riopa na UCI-Covid de Povisa foi seleccionada entre as 120 mellores fotografías publicadas en todo o mundo pola Axencia France Press durante 2020.

Nos primeiros días de abril, nun dos períodos máis críticos da pandemia, Riopa uniuse ao equipo de profesionais da UCI-Covid de Povisa e compartiu durante horas o seu esforzo por sacar adiante aos pacientes máis afectados polo virus. O resultado dese traballo foi unha serie de impactantes imaxes que reflicten non só o compromiso profesional, senón tamén o empeño do equipo de médicos, enfermeiras e terapeutas de Povisa por transmitir proximidade e agarimo a esas persoas sometidas a un estrito illamento.

A reportaxe gráfica de Miguel Riopa en Povisa deu desde entón a volta ao mundo, publicándose en medios de comunicación dos cinco continentes, entre eles en xornais de Estados Unidos, Xapón, Oriente Medio, América Latina e África. A imaxe seleccionada forma parte, ademais, da exposición Galicia en albas, patrocinada por Abanca e que aínda se pode visitar na Praza da Fábrica de Tabacos da Coruña.

Agora, a selección dunha desas imaxes entre as mellores de 2020 publicadas pola que é unha das máis grandes e prestixiosas axencias de noticias do mundo, con 201 oficinas despregadas en 151 países e 2.400 colaboradores de 100 nacionalidades, vén referendar o extraordinario traballo levado a cabo por Riopa no Hospital Povisa.

Miguel Riopa, ademais de traballar en AFP, é un dos fotoperiodistas máis recoñecidos en Galicia e en España. Entre os seus múltiples galardóns atópase un II Premio do World Press Photo, o ser finalista dos World Photographic Awards e o prestixioso premio Luis Ksado.