Nigrán abre mañá con Cherry Sweet a programación cultural de Nadal

O Concello de Nigrán arranca mañá venres a programación cultural de Nadal co concerto de Cherry Sweet ás 19:00 horas no Auditorio Municipal xa co novo aforo permitido polas autoridades sanitarias (90 persoas máximo). Cherry Sweet felicitará as festas co máis elegante e glamuroso Swing ao estilo dos anos 50. Contrabaixo, batería, guitarra e as voces harmonizadas das súas tres cantantes, propias dos arranxos do estilo, farán un percorrido por algunha das máis famosas melodías de Nadal: “Santa Claus is coming to town”, “Jingle bells rock”, “All I want for Christmas is you”, “White Christmas” e outros clásicos son parte da súa proposta para levar moita alegría e swing ao público.

A programación cultural está 100% formada por artistas do municipio despois de que o Concello abrise unha liña de contratación específica como axuda ao sector, ademais, se trasladará a cada parroquia co obxectivo de que sexan actos con aforo reducido e poder así cumprir os protocolos sanitarios chegando a toda a veciñanza (sempre que non chova será en exterior). Así, os artistas locais Rei Midas, o dúo Voltereta e Volvoreta e o grupo Teatro do Ar se desprazarán co mesmo espectáculo a cada unha das sete parroquias grazas á colaboración das respectivas entidades veciñais e culturais. A maiores, e tamén apuntados na bolsa de contratación municipal, terán lugar na Praza do Concello ás 19:00 horas os concertos de Backup Souls (31 de decembro), Proxy (23 de decembro) e o grupo de batucada “Latexos” (26 de decembro), así como a actuación de Peter Punk na Praza Rosalía de Castro (4 de xaneiro ás 17:00 horas).

Igual filosofía de achegar ás sete parroquias os mesmos eventos para non exceder aforos e evitar concentracións se levará a cabo o día 5 de xaneiro coa Cabalgata de Reis. Tal e como xa explicaron as Súas Maxestades a través dun vídeo para os nenos e nenas de Nigrán, multiplicarán o seu esforzo grazas, unha vez máis, a colaboración das respectivas entidades veciñais e culturais.

“É unha programación 100% feita por artistas de Nigrán, centrada sobre todo nos cativos e, como non pode ser doutro xeito, adaptada á realidade sanitaria coas máximas garantías de seguridade”, incide o alcalde, Juan González, quen insiste en que “máis que nunca, se trata de ofrecer algo de alegría nunhas datas con moito contido emocional e, ao mesmo tempo, apoiar ao sector cultural e de ocio do municipio”.