
Povisa deu un paso moi importante na súa estratexia de humanización e personalización do trato ao paciente co nomeamento de seis xestoras de casos, que foron presentadas esta mañá no salón de actos do hospital pola directora de Enfermería, Cristina Serra.
As xestoras de casos son unha figura totalmente nova no hospital. Trátase de enfermeiras cuxo obxectivo é apoiar directamente ao enfermo agudo ou crónico que necesita acudir a Povisa con asiduidade. É a persoa de ligazón entre o paciente e os servizos do hospital, unha persoa clave para garantir a continuidade dos coidados e recibir o soporte emocional que os enfermos necesitan. Ten dispoñibilidade as 24 horas para o paciente mediante teléfono e correo electrónico, e axúdalle a resolver dúbidas nos seus contactos cos especialistas e o resto da organización do hospital, tentando anticiparse sempre ás súas necesidades.
Cada unha das seis novas xestoras de casos terá responsabilidade sobre o coidado especializado de cada un dos nosos pacientes. Así, nomeáronse as xestoras de Continuidade de Coidados (Carmen Pazos); Enfermidades Inflamatorias Intestinais e tumores dixestivos (Beatriz Soto); Onco-hematoloxía e ELA (Alejandra Román); Unidade de Mama (Carmen Santos); Pacientes Paliativos (Rosa María Armada); e Paciente Crónico Complexo (Andrea Seoane).
“Hoxe é un día importante e de recoñecemento do talento da enfermería -declarou Cristina Serra durante a presentación no salón de actos-. As enfermeiras xestoras de casos son as nosas abandeiradas do coidado, do seguimento dos nosos pacientes. É unha figura clave para garantir a continuidade de coidados e o soporte emocional que necesitan”.
A figura das xestoras de casos foi xa implementada en hospitais do Grupo Ribera, como Torrevieja e Vinalopó, onde foi magnificamente recibida polos pacientes.