O PP de Baiona celebra que proxectos do anterior goberno no rural sexan unha realidade

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Estado actual das obras no regato Das Tres Regueiras, Baredo.

O PP de Baiona celebra que se vaian executando moitos dos proxectos que o anterior goberno local tiña proxectados ata xuño de 2019 cando os populares saíron da Alcaldía baionesa. Nese momento, quedaron pechados e con financiamento asignado un total de 16 iniciativas, o 90 por cento destinadas ás parroquias, tanto polo Plan Concellos 2018-2019 como tamén a través de subvencións da Xunta por valor de 1.897.774 euros.

Actualmente, de todos os proxectos previstos xa polo executivo popular en 2018-2019 está a traballarse en tres: a reforma do antigo Mercado de Sabarís en centro multiusos por case 500.000 euros, que está a piques de ser inaugurada; o acondicionamento do Camiño dos Eidos, en Baíña, por máis de 93.000 euros; e a segunda fase do paseo fluvial na parroquia de Baredo por 140.000 euros, cuxa obra debe estar terminada antes de que finalice este ano. Para os populares, tres demandas veciñais que supoñen un montante de 700.000 euros son moi importantes para goce dos baioneses que por fin serán unha realidade. “A implicación do anterior executivo quedou demostrada durante os anos de goberno e continúa dando os seus froitos”, sinalan os populares.

Todos estes proxectos súmanse a outros tamén financiados co Plan Concellos 2018-2019 sen esquecer aqueles que tamén estaban asignados pola administración autonómica en 2019 e que o actual executivo deixou perder ao longo de 2020. “A prioridade de calquera goberno local debe ser traballar polo benestar dos seus veciños e antepoñer isto ás siglas, por iso aplaudimos que o tripartito continuase con moitos dos proxectos que deixamos designados e agardamos que continúe nesta senda para evitar que se perdan axudas xa concedidas destinadas a modernizar o municipio”, confían desde o PP.