A contribución do labor de investigación da CEMMA, durante 30 anos, permitiu o cambio de catalogación da toniña, Phocoena phocoena, a unha categoría de maior protección. Publicouse onte no BOE a resolución pola cal dende o Ministerio de Transición Ecológica cataloga a toniña afro-ibérica dentro da categoría de en Perigo de Extinción. Anteriormente figuraba como vulnerable, pero a mala situación de conservación da especie recomenda un ascenso na categoría de protección.
Investigacións científicas da CEMMA
CEMMA leva dende a posta en marcha dos traballos, hai 30 anos, centrándose no estudo da toniña, Phocoena phocoena, mediante investigacións propias ou en colaboración con outros centros de investigación estatais e internacionais, e coa colaboración económica puntual da Unión Europea, e dos Ministerios e Consellerías da Xunta de Galicia competentes ao longo dos anos. Estes estudos aportaron información fulcral sobre a súa poboación, distribución, anatomía, reprodución, dieta, estado de saúde, ameazas ou xenética. Precisamente estes traballos xenéticos contribuíron a que en 2017 se recoñecese que as toniñas da Península Ibérica e do norte de África son unha subespecie distinta das demais recoñecidas previamente.
As investigación destas tres décadas evidenciaron que a súa situación de conservación era cada vez peor, e en 2007 CEMMA reclamou a consideración do cambio de categoría de Vulnerable a en Perigo de Extinción cunha comunicación no congreso da SECEM, algo que repetimos posteriormente noutros foros científicos estatais e internacionais e diante das administracións. En 2015 o proxecto Phocoeval realizado por CEMMA para a Fundación Biodiversidad confirmou a situación crítica da especie, dando os modelos unha previsión para a súa desaparición no ano 2030. Isto plasmouse no borrador do Plan de Conservación da toniña que CEMMA redactou en 2018 para o Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e que trala súa análise tivo como consecuencia o cambio de categoría de protección.
O declive da súa poboación
Se comparamos a situación da especie coa que tiña na década dos 90, todos os datos son negativos. O tamaño dos individuos reduciuse en valores medios e máximos, tanto en machos como en femias, non acadando xa os valores próximos a 190 cm de lonxitude total, característico da especie en Galicia. A proporción de femias respecto a machos diminuíu, e ademais a porcentaxe de femias que acadan a madurez sexual e case un terzo da de hai 20 anos, reducíndose do 53% ao 19%.
Distribución
A súa distribución varía dependendo da zona que falemos: no entorno das Rías Baixas habitan en batimetrías de 90 a 200 metros, desprazadas fóra da Rías principalmente polos arroaces que ocupan o interior, onde cada vez é máis raro observalas. Mentres que na costa norte de Coruña e de Lugo é frecuente observalas preto da costa ao non contar con tantos espazos pechados e ocupados polos arroaces.
Ameazas
A captura accidental destácase como a principal causa de morte da especie nas nosas augas, pasando dunha taxa do 24% na década dos 90 a duplicarse cun 49% nestes últimos anos, principalmente en artes de enmalle.
A nova catalogación é sen dúbida unha mala nova polo que significa respecto ao seu mal estado de conservación, mais non por mala era menos agardada nin menos necesaria, polas obrigas que a propia catalogación indica.

