O Concello de Gondomar actualiza o portal de transparencia tras a queixa do PP ante a Valedora do Pobo

A Valedora do Pobo vén de remitir ao Partido Popular que tras requirilo por terceira vez, o Concello de Gondomar contestou á queixa presentada en xullo deste ano pola falta de actualización do Portal de Transparencia. Membros do PP gondomareño presentaron a queixa ante a Valedora tras rexeitar unha moción que presentaran ante o pleno, alegando o alcalde que no portal de transparencia do Concello estaba todo o que tiña que estar. Deste xeito o alcalde recoñece que o Partido Popular tiña razón nas súas queixas e que o portal non estaba actualizado.

Así na contestación enviada polo concello sinálase que “En data 30 de setembro procedeuse ademais a actualizar o rexistro de bens e actividades e o organigrama e funcións de goberno. Na pestana de información económica, constan datos sobre a conta xeral e a liquidación do orzamento, sendo colgados en data de 30 de setembro de 2020. Na pestana de normativa constan as ordenanzas fiscais e non fiscais, procedéndose a actualización das fiscais en data de setembro do presente…). No mesmo escrito a Valedora do Pobo sinala que “ao respecto o concello recoñece retrasos na actualización, o que relaciona coa escaseza de medios persoais. Porén, tamén sinala que moitos destes contidos foron actualizados con posterioridade á queixa. En concreto a información institucional, a información económica, (.) En conclusión, o ente local aclara que os campos que permanecen baleiros non teñen contido no caso do concello, e recoñece que despois da queixa actualizou o portal de transparencia, isto é, a publicidade activa que o concello debe facer de oficio. É de esperar que as futuras actualizacións se fagan cando corresponda e de forma permanente; …”.

Os membros do PP gondomareño agradecen as xestión feitas pola Valedora do Pobo, a pesar de non estar de acordo en todo o que contestou o concello, polo que piden que en adiante se manteña actualizado o Portal de Transparencia e o cumprimento da Publicidade Activa, para o cal estarán atentos a que así se faga. “Unha vez máis o tempo vén darnos a razón cando denunciamos a falta de transparencia e información por parte do alcalde Juan Francisco Ferreira que dende o inicio de lexislatura non fai máis que dificultar o máximo que pode o traballo da oposición”, remata dicindo Paula Bouzós, voceira do Partido Popular de Gondomar.