Baiona inicia as obras de acondicionamento do Camiño dos Eidos en Baíña

O Concello de Baiona inicia as obras do proxecto de acondicionamento do deteriorado Camiño dos Eidos, na parroquia de Baíña, por importe de 93.170,93 euros, que financiará con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. A actuación principal que se vai a realizar neste camiño é rehabilitar o firme existente ao mesmo tempo que se mellorarán diferentes tramos de drenaxe. Tamén se prevé levar a cabo o caxeo e pavimentación nos diferentes sobreanchos non pavimentados coa finalidade de ampliar lixeiramente a sección transversal existente.

A isto sumaráselle unha zona de esparexemento situada nunha marxe da vía, na que está prevista a protección das marxes do regato próximo e a mellora nas condicións estéticas da devandita área. Estará dotada de elementos bio-saudables, pavimentada en lastra de pedra, con xardineiras a nivel da rasante e delimitada con varandas. Instalaranse bancos, papeleiras e unha fonte para o esparexemento e goce de todos os seus veciños e veciñas.

“Este equipo de goberno considera prioritario ir mellorando e dotando de proxectos como este a as diferentes parroquias, con este obxectivo decidiuse investir no rural a maioría do montante do capítulo de investimentos recollido no Orzamento aprobado inicialmente o xoves”, destacada o Alcalde, Carlos Gómez Prado. “Do total de 928.789,58 euros destinados a investimentos, ao redor de 600.000 euros, gran parte do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, irá destinada á mellora das nosas parroquias. Facer importantes investimentos no rural é unha das grandes apostas deste equipo de goberno, por iso contémplase para elas un plan de mellora de camiños municipais, melloras na iluminación con cambios de luminarias por tecnoloxía led, proxectos de saneamento, pavimentación de vías públicas ou rehabilitación do patrimonio”, conclúe o rexedor.