
O Concello de Baiona abre o prazo de inscrición para participar no Programa de Conciliación Nadal 2020. As persoas interesadas en participar teñen de prazo ata o próximo luns 7 de decembro.
O Programa de Conciliación Nadal 2020 é un programa promovido pola Concellería de Igualdade a través do Centro Municipal de Información á Muller, que ten como obxectivo a conciliación da vida familiar e laboral e ao mesmo tempo facilitar un espazo educativo e de entretemento para os nenos e nenas, favorecendo o seu desenvolvemento integral.
As bases que regulan a convocatoria poden descargarse a través da páxina web municipal, do taboleiro electrónico ou poden recollerse no Rexistro do Concello. Para calquera aclaración poden contactar no 986 35 75 54 no CIM.
A actividade é financiada pola Deputación de Pontevedra, no marco das axudas extraordinarias dirixidas aos Concellos de menos de 50.000 habitantes para a prestación de actividades de apoio ás familias para facerlle forte ao impacto da COVD 19 durante o ano 2020.