ATSA perde a concesión do transporte de viaxeiros entre o Val Miñor e Vigo

Automóviles de Tuy SA deixará de prestar o servizo público de transporte regular de viaxeiros entre Baiona, Gondomar e Nigrán e Vigo. Tras cincuenta anos levando aos veciños e veciñas do Val Miñor ata a cidade olívica, a empresa non logrou gañar o concurso convocado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, ao que se presentaron catro UTE’s (Unións Temporais de Empresas).

A Xunta de Galicia adxudicou o contrato de concesión de servizo público de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada, correspondente á “Comarca do Baixo Miño e sur da Comarca de Vigo”, á UTE LUGOVE, integrada polas empresas Asistencia Técnica Maturo, SL, Empresa Raúl SA, Autocares Fadista SLU, Subús Grupo de Transporte SLU, Secc. Automóvil SA e Autobuses del Triángulo SL.

Este lote inclúe ademais o traxecto entre Gondomar e Vigo, ata agora en mans de Viajes Melytour SL, o que resolverá o conflito entre as concesionarias existente ata o de agora, e que impedía que os viaxeiros dos autobuses de ATSA puideran subir e baixar na estación gondomareña.

O prazo de execución do contrato será de 10 anos contados a partir da data de inicio da prestación do servizo. O prazo de duración do contrato poderá prorrogarse ata un máximo de 2 anos adicionais.