Águeda Ubeira, de Chupipostres Gondomar, Premio Nova Empresaria

Chupipostres, con sede en Gondomar, gañou o Premio XV Aje Vigo Nova Empresaria. Chupipostres, posta en marcha por Águeda Ubeira, é unha aposta clara pola venda en liña, consolidada xa desde fai máis de seis anos. Ofrece dous servizos: repostería personalizada e almorzos temáticos artesanais que envía a domicilio, a toda a península, desde o seu obradoiro. A gañadora recibiu un programa de formación na Escola de Negocios Afundación de IESIDE por valor de máis de 8.000 euros e unha estancia gratuíta en oficina ou nave nun polígono de Zona Franca durante un ano.

“Aínda sen palabras e sen dixerir ben todo o que pasou, só podo dar infinitamente as grazas a todas e todos vós porque sodes parte de que isto puidese ser así. Ao meu equipo: Ana, Cristina, Manuel, sen vós non estaría aí. A todas as persoas que estiveron nel e aos nosos colaboradores externos, en especial María. A todas as persoas que confiastes no noso proxecto, e ás que non tamén, porque nos fai seguir mellorando e querer crecer día a día. A Aje Vigo por unha organización impecable, patrocinadores como Ieside, Zona Franca, CocaCola… Non teño palabras. Quédannos moitos anos de seguir dando o mellor de nós, de seguir loitando, de seguir reinventándonos… Infinitamente grazas”, sinalou Águeda.

O acto celebrouse na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, con 30 invitados e seguindo as medidas “anti covid”, e retransmitido vía streaming na canle de YouTube de AJE Vigo. Contou coa presenza de numerosas autoridades entre as que se atopaban o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o vicepresidente segundo da Xunta de Galicia, Francisco Conde; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades; e o deputado provincial Carlos López Font, entre outras personalidades do mundo empresarial de Vigo.