O PP de Baiona, sorprendido pola retirada da axuda municipal á ONG “Ayuda al Mundo Necesitado”

O PP de Baiona mostra sempre o seu apoio a calquera iniciativa solidaria que teña como finalidade axudar ás familias máis vulnerables, e máis se cabe neste momento no que a crise sanitaria do Covid-19 castigou duramente ao tecido económico local, e congratúlase da súa posta en marcha. Se hai unha asociación que demostrou o seu compromiso incondicional con estas persoas durante máis dun cuarto de século esa é a ONG “Ayuda al Mundo Necesitado”, que desde o mes de marzo aumentou o número de solicitudes, e por tanto é máis que xustificado que nunca que se activen campañas como a que impulsaron os comerciantes de Baiona a favor desta entidade local e á que se sumou o Concello.

Insisten desde o grupo popular na necesidade de colaborar desde todos os ámbitos, tamén e necesariamente desde o municipal, con esta entidade pero ao PP resúltalle “contraditorio” e “sorprendente” que o goberno que preside Carlos Gómez inste os veciños a participar desta campaña a través da doazón de alimentos e que, con todo, retirase o vale por valor de 3.000 euros en alimentos que historicamente o Concello doaba nestas datas para que ningunha familia de Baiona quedase sen comida na súa mesa.

Precisamente, no pleno do pasado xoves o rexedor e o seu equipo rexeitaron, entre outras, unha emenda do PP aos orzamentos para 2021 para que volvesen incluír a partida de 3.000 euros que historicamente se designaba á compra de alimentos nun supermercado local e que despois repartía a ONG entre as familias. Un diñeiro que o tripartito decidiu eliminar das contas para o ano que vén sen xustificación, a única axuda que suprimiron de todas as que concede o consistorio. “Esta xestión realizábase directamente co supermercado, a entidade nunca recibiu diñeiro en efectivo. Só se encargaba de escoller, recoller e distribuír os produtos”, detallan os populares.

É por todo isto que ao PP de Baiona resúltalle inconcibible que o rexedor pida colaboración aos veciños mentres el nega a súa a esta entidade nun momento de “extrema necesidade”.