De la Gándara e a súa tripulación do Okofen fanse coa vitoria da Liga de Outono de J80

Non houbo sorpresas este sábado en Baiona e a tripulación liderada polo regatista vigués Javier de la Gándara alzouse finalmente vencedora da Liga de Outono da clase J80, que esta tarde celebrou as súas últimas probas na baía baionesa.

A bordo do Okofen, Javier de la Gándara, os seus fillos Jaime e Javier, e Diego Fernández, habitual compañeiro de vitorias do equipo; sentenciaron unha nova edición do campionato de monotipos do Monte Real Club de Yates, e volvérono a facer con contundencia.

Das 9 probas disputadas en varias xornadas durante os meses de outubro e novembro, o Okofen asinou 7 primeiros postos e acabou con 9 puntos na clasificación xeral final. Á tripulación tan só escapáronselle 2 vitorias nas que, en calquera caso, non baixou da segunda posición.

De la Gándara e o seu equipo revalidaron así o triunfo que lograran a inicios de ano na Liga de Inverno de J80 e colgáronse os loureiros sacándolle ata 29 puntos ao segundo clasificado, o Cansino de Fernando Yáñez. A pesar de que nos parciais de hoxe resentiuse bastante (cun oitavo, un décimo e un sexto posto), o Cansino logrou finalizar con 36 puntos e fíxose coa prata da liga.

A sorpresa da clasificación veu co bronce, que finalmente foi a parar a mans do Alboroto de Juan Carlos Ameneiro, que cun terceiro, un sexto e un segundo na última xornada, logrou saltar da quinta á terceira posición da xeral e pechar o podio do campionato con 40 puntos.

O Marías de Manuel María Cunha volveu ser, do mesmo xeito que o era na penúltima xornada, un dos barcos destacados da xornada. Asinou un segundo posto na primeira das probas, logrou vencer ao Okofen na segunda manga e acabou terceiro na última regata do día. A pesar destes bos resultados, as súas ausencias nos primeiros días da liga (non competiu nas catro primeiras xornadas) pesaron demasiado e o Marías acabou a competición en novena posición.

Nesta última etapa da liguiña de monotipos completáronse tres probas cun vento algo rolón, que obrigou a facer varios cambios de percorrido; e coa noite botándose encima do reloxo, o que impediu a celebración dalgunha proba a maiores do tres inicialmente previstas.

Ademais do Okofen e do Marías, lograron subirse aos podios parciais deste sábado o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro, cun terceiro e un segundo; e o Namasté de Luis de Mira, que logrou un terceiro posto nunha das probas; aínda que só o Alboroto logrou coarse no podio final.

Ouro, prata e bronce para o Okofen, o Cansino e o Alboroto; cuarta e quinta posición para o Luna Nueva de Juan Luis Tuero e o Maija de José Luis Pérez; e sexto posto para o Spaco de Santiago Estévez, outro dos barcos destacados na liga outonal, que finalmente non puido entrar no Top 5.

Co final da Liga de Outono de J80, o Monte Real Club de Yates pon punto e final ao seu calendario deportivo de 2020 aínda que non di adeus ás competicións, xa que a próxima fin de semana as augas de Baiona albergarán unha nova edición da Liga Española de Vela – Trofeo Loterías e Apostas do Estado.

Organizada pola Real Federación Española de Vela, a liga estatal volve ao club baionés -onde xa estivera en 2029- para celebrar as súas últimas probas, unhas regatas que desvelarán o nome do equipo que representará a España na Sailing Champions League, a liga europea.