Esta mañá, en Gondomar, a comisión de hostaleiros e a Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor, OVALMI, xunto ao alcalde de Gondomar e a concelleira de Comercio, reuníronse para falar da situación que está a vivir a hostalería no Val Miñor, e en concreto en Gondomar.
Na devandita reunión a comisión expuxo ante os representantes municipais a problemática causada polos peches ditaminados pola Xunta de Galicia o 4 de novembro.
O alcalde, Paco Ferreira, posicionouse ao carón da hostalería e confirmou a súa intención de seguir coas exencións do pago das terrazas para o ano 2021, así como que estaban a estudar a aplicación de bonificacións nas taxas municipais (lixo, auga ou IBI).
Exposta a posibilidade da creación dun plan de axudas directas para os hostaleiros de Gondomar, o alcalde, comentou que estudará a súa viabilidade cos técnicos municipais para poder poñelo en marcha con todas as garantías posibles.

