O Turonia Gondomar Fútbol Gaélico volve aos adestramentos

Desde o Turonia Gondomar Fútbol Gaélico queren facer visible a boa nova da súa volta aos adestramentos. Por motivo deste tempo incerto que nos tocou vivir, logo de moito tempo parados e de moitas outras dificultades engadidas, por fin, con todas as ganas e enerxías do mundo, conseguiron volver aos adestramentos. Desta volta, o lugar para adestrar será no Campo Municipal de San Pedro, en Vilariño (Nigrán), polo que agradecen ao Club de Fútbol Racing de Vilariño a súa cordial acollida. Porén, aínda o seu vínculo segue centrado na vila de Gondomar, lugar onde se xogarán os partidos da futura competición. É así como fan patente a súa vocación miñorán.

A práctica deportiva federada é a única permitida para o deporte de equipo. Para poder levala a cabo seguen escrupulosos protocolos anti-COVID19 deseñados pola Real Federación Galega de Fútbol e a Asociación Galega de Fútbol Gaélico, que á súa vez se rexen polas indicacións da Xunta de Galicia. O uso da máscara pasa a ser obrigatorio nos adestramentos. É así como este ano as circunstancias promoveron que desde o club se tomaran medidas para axudar a facilitar a incorporación dos seus xogadores e xogadoras mediante o patrocinio directo de parte do importe das súas fichas, así como de novas fichaxes.

Todos aqueles que teñan interese en practicar un novo deporte que non dubiden en contactar co Turonia Gondomar Fútbol Gaélico. Poden facelo a través do seu Facebook: @turoniaGFG ou no seu e-mail: turoniansvalminhor@gmail.com.