Copa Galicia de Surf-XXVII Trofeo Concello de Nigrán este domingo en Patos

O Patos Surf Club, a Federación Galega de Surf e o Concello de Nigrán organizan como cada ano en augas da Praia de Patos o tradicional Trofeo Concello de Nigrán, que este ano cumpre 27 anos desde a súa primeira edición, sendo o campionato máis veterano do circuíto galego. O primeiro organizouse no ano 1990 e desde entón o Club Patos non parou, polo que se converteu nunha referencia dentro do mundo do Surf a nivel nacional, e para os surfeiros galegos a cita obrigada do inverno nas Rías Baixas.

E como colofón nunha das mellores ondas galegas, o Pico de Patos, onde se medirán os mellores surfeiros do circuíto galego de surf contra os mellores surfeiros locais, tamén o orgullo de onde se fai mellor surf está en xogo. Entre os favoritos atópase o surfeiro de Pontevedra Milo Castelo, o que máis veces gañou este campionato, Guille Gómez ou Saúl Carrera, sen esquecer aos locais de Patos Borja Malvar, Jaji Iglesias ou Ángel Pozas, que tentarán xogar co factor campo xa que se coñecen as ondas do Pico de Patos de memoria.

A gran baixa por Covid será o surfeiro galego máis internacional, Gony Zubizarreta, que confirmaba esta semana a súa asistencia ao campionato, pero unha PCR positiva lévalle a 12 días de confinamento.

A competición será na onda de “O Pico” de Monteferro (como se coñece internacionalmente a esta onda), unha das mellores ondas galegas debido sobre todo ao seu fondo de rocha. Rompe sempre no mesmo sitio e un sufista experimentado sácalle á onda o máximo de manobras, ademais de ser moi atractivo para a vista dos afeccionados que se acheguen a Patos.

Ademais, Neptuno uniuse á festa e manda ondas para o domingo, así que con estas referencias de ondas divertidas e surfeiras de gran nivel e todo gratis, o espectáculo está servido. O domingo 29 de novembro desde as 12:30 horas da mañá empezarase coas primeiras mangas clasificatorias, para chegar ás 17:30 horas coas finais de surf masculino e feminino.

Ao terminar a competición farase a entrega de premios do Campionato de Surf e do circuíto en “Patos Beach House”, coa presenza confirmada das principais autoridades de Nigrán.