CABE di que o bipartito é o irresponsable ao presentar a documentación 48 horas antes do pleno

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

No Pleno ordinario de Gondomar do mes de xuño, celebrado onte, o Goberno municipal presentou tres expedientes de delimitación de solo de núcleo rural (Penalba, San Roque e Prado), apelando á «responsabilidade» da oposición para a súa aprobación. Pero segundo CABE é o bipartito quen actúa de xeito sen lugar a dúbidas irresponsable cando ante un tema tan sensible e complexo (como así o recoñeceu o concelleiro de Urbanismo) presenta a documentación necesaria para a súa análise tan só 48 horas antes da celebración do Pleno, no límite legal para facelo (consta na acta da Comisión Informativa de Asuntos do Pleno que o luns 29 de maio aínda non se dispuña de ditos expedientes).

“É máis, o señor Araújo ocultou información á oposición cando en dita Comisión nin se nomeou unha cuestión de extrema importancia como é a existencia de ordes de derrubamento, das que nos decatamos pola prensa o mesmo día do Pleno”, afirma Jimena Varela, quen se pregunta “é este un xeito de actuar «responsable» para o goberno, ademais en minoría, e que necesita (aínda que non guste de facelo) de diálogo coas forzas da oposición? Pareceríalle «responsable» ao goberno que o resto e grupos políticos votáramos unha cuestión tan relevante e complexa sen tempo a estudala, guiados por un titular de prensa?”.

Así mesmo, desde Gondomar Concello Aberto sinalan que pese a que o concelleiro de Urbanismo diga que tiveron tempo durante a exposición pública, aseguran que o expediente para a delimitación contén moita máis información da que se expón: informes técnicos e xurídicos municipais, Informe Ambiental Estratéxico, adecuación do documento técnico ao mesmo, alegacións, respostas as alegacións… “é unha cuestión extensa e complexa que require de tempo para o seu estudo”.

O goberno tivo tempo segundo Varela (como recoñeceu no Pleno o señor Araújo, tiñan toda a documentación feita fai un mes) “para remitirnos os expedientes e buscar un acordo. Así se fixo no mes de febreiro, cando a oposición tivo unha semana para estudar o expediente de delimitación de Campo Grande (nesta ocasión, 2 días para 3 expedientes) e coñecer os expedientes de derrubamento existentes. En consecuencia, o Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto votou a prol da proposta. Pero neste caso, as circunstancias foron ben distintas”, asevera.

“Pese a isto, este Grupo municipal non vai admitir que o desleixo do goberno bloquee unha cuestión de extrema gravidade. Hoxe mesmo, solicitamos por rexistro os expedientes de derrubamento dos citados núcleos e, tras estudar os mesmos e os expedientes de delimitación, convocaremos na semana que vén un Pleno extraordinario para tratar o tema”, conclúe a concelleira de CABE.