A nigranesa UARX Space lanzará ao espazo o seu primeiro módulo de comunicacións para satélites

Continuando coas súas comunicacións directas coas empresas instaladas nos parques da rede de Zona Franca, esta mañá o delegado, David Regades, visitou UARX Space, unha empresa situada no viveiro do edifico Tecnolóxico de Porto do Molle que desenvolve servizos de transporte en Espazo para pequenos satélites.

Durante a conversación mantida cos seus fundadores, Yanina Hallak e Andrés Villa, explicaron que nesta empresa, especializada en análise de misións espaciais, electrónica espacial, integración de satélites e ensaios, actualmente están a desenvolver un vehículo non tripulado de transporte en Espazo para pequenos satélites. Ambos os dous enxeñeiros aeroespaciais destacaron o feito de que, ata o momento, só estanse levando a cabo proxectos similares en Estados Unidos e Italia. Moi interesado polo percorrido deste proxecto innovador, Regades puido saber que a xa inminente primeira fase, o desenvolvemento dun módulo de electrónica que permite aos clientes estar comunicados cos seus satélites en forma permanente, voará ao Espazo para mediados do ano 2021. Para avanzar coas seguintes dúas fases, os directores de UARX Space tamén analizaron co delegado a posibilidade de que o próximo ano realicen unha ampliación das súas instalacións.

Na actualidade, na compañía aeroespacial traballan sete persoas e, en febreiro próximo, dous enxeñeiros Aeroespaciais españois residentes en Alemaña, uniranse ao equipo. Entre eles, unha galega retornada que volve a Galicia para contribuír coa súa experiencia ao desenvolvemento do sector que pode, con estas empresas punteiras en investigación e desenvolvemento, captar o talento galego actualmente na diáspora laboral.

Segundo se puxo de manifesto durante a visita, este novo sector ten por diante un gran percorrido xa que o crecente mercado dos pequenos satélites demanda novas solucións no Espazo o que abre liñas de traballo para aquelas empresas con capacidade de implementalas como UARX Space, unha empresa que realiza os seus propios desenvolvementos e que, ademais, conta co selo de confianza de asinar un acordo de colaboración cunha axencia espacial dun país europeo.