O PP de Gondomar leva a pleno dúas mocións de apoio aos autónomos, pemes e artistas

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Paula Bouzós.

O Partido Popular de Gondomar vén de presentar por rexistro dúas mocións para o seu debate no vindeiro pleno do mes de decembro nas que solicitan axudas e bonificación de impostos municipais para autónomos, pemes e artistas.

É xeneralizada a preocupación que existe no ámbito administrativo local sobre a falta de instrumentos legais dos que dispoñen as entidades locais para, dende un punto de vista fiscal, poder paliar os efectos económicos para a poboación en xeral e para os profesionais e traballadores autónomos. O actual contexto do COVID-19, cos rebrotes que están a se producir e as medidas de peche, suspensión e redución de actividades, esixe ter en conta as dificultades polas que atravesan as empresas, profesionais e autónomos que por circunstancias alleas a aqueles se ven obrigados a limitar ou mesmo paralizar as súas actividades.

“Somos conscientes da imposibilidade dos Concellos de poder atender con medidas tributarias suficientes ás necesidades fundamentalmente dos empresarios, profesionais e autónomos, por iso e mediante esta moción vimos a demandar cambios legais no Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, que permitan que se poidan aplicar bonificacións adicionais ás xa existentes en diversas figuras tributarias locais (IBI, IAE, IVTM,…), co obxectivo de axudar a paliar os efectos da crise en distintos ámbitos empresariais e profesionais”, argumenta a voceira do PP gondomareño, Paula Bouzós.

Na outra moción presentada piden o establecemento de axudas e redución de impostos aos sectores afectados polo Covid-19. No que levamos de pandemia moitas empresas do concello tiveron que pechar as portas durante meses, como é o caso actualmente da hostalaría e o ocio nocturno, sen dúbida, os mais afectados; ou que sen afectarlle o peche si miran como os seus ingresos minguaron considerablemente debido ás medidas adoptadas para frear a pandemia, como son o comercio, transporte ou servizos (taxis, artistas, salóns de peiteado, fisioterapia, estética, …). Por isto consideran máis que urxente axudar a estes sectores nestes momentos duros que están a padecer, máis si cabe que o resto dos sectores. Por estes motivos o Partido Popular propón ao pleno solicitar do goberno municipal a creación dunha liña de axudas para estes sectores, así como a bonificación dos impostos do IBI, IAE, e da rodaxe . Tamén pide a supresión das taxas de terrazas e redución das taxas de recollida de lixo, saneamento, auga e concesións administrativas.

“Moitas destas demandas, xunto con outras para toda a poboación afectada, xa foron presentadas no pleno do pasado mes de xullo e rexeitadas co voto en contra do PSOE, argumentado o alcalde Francisco Ferreira que había medidas que xa estaba estudando a interventora e que en setembro íase constituír unha comisión que aparte da reconstrución económica ía engadir o medio ambiente, a saúde, etc. Catro meses despois aínda non sabemos nada de todo isto e as consecuencias estanas pagando os autónomos, pemes e todos os veciños de Gondomar”, explican dende o PP.

“Esperamos que desta vez o alcalde apoie estas medidas e se poidan beneficiar todos os sectores implicados, e non queden en simples promesas como acostuma a facer”, remata dicindo Paula Bouzós.