A Garda Civil desarticula un punto de venda e distribución de drogas en Nigrán

Efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán desactivaron un punto de venda e distribución de drogas moi activo no municipio de Nigrán coa detención de dúas persoas que se dedicaban á venda de drogas, fundamentalmente desde a parroquia de Priegue.

As investigacións que levaron a cabo no marco da denominada operación “Mayasen” iniciáronse hai aproximadamente dous meses cando a Garda Civil ten coñecemento de que un veciño de Nigrán, que xa estivera ingresado en prisión por tráfico de drogas, podería ter reincidido na mesma actividade delituosa e que posiblemente se estaba dedicando de novo á distribución e venda de estupefacientes aos consumidores da comarca do Val Miñor.

Despois dun complexo dispositivo de vixilancias discretas sobre esta persoa, non só puidéronse confirmar as sospeitas, senón que tamén púidose identificar á persoa que o estaba abastecendo das drogas que vendía directamente aos consumidores. Trátase dun veciño de Nigrán, de 34 anos, que ultimamente residía cos seus pais en Vigo.

Como consecuencia dos controis efectuados puidéronse constatar varias transaccións de droga a distintos consumidores, e chegáronse a incautar 140 doses de cocaína e 73 gramos de haxix.

A operación pechouse coa detención destas dúas persoas como presuntos autores dun delito contra a saúde pública, por tráfico de drogas, veciños de Nigrán e Vigo, e de 49 e 34 anos respectivamente.

As dilixencias entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Vigo, que decretou a liberdade provisional con cargos de ambos.

Anuncios