Nigrán reinicia as obras da nova biblioteca co obxectivo de tela rematada no primeiro trimestre de 2021

O Concello de Nigrán reiniciou na mañá deste martes de maneira oficial os traballos da Biblioteca Municipal tras firmar a dirección técnica e a construtora a acta de replanteo e comezo de obra. Deste xeito, Consvial S.L comprométese a concluír no prazo de tres meses o novo edificio tras resultar adxudicataria da parte non executada das obras por un importe de 973.056 € sobre un orzamento base de 1.117.428 € (as obras foran paralizadas unilateralmente en xuño de 2019 por Civis Global provocando o cese do contrato por incumprimento grave do mesmo, feito que apoia o propio Consello Consultivo de Galicia).

A nova empresa está a realizar simultaneamente no centro do municipio unha urbanización de chalés e afronta agora o 60% dos traballos restantes da Biblioteca Municipal. Paralelamente, a ampliación do prazo por parte da Deputación de Pontevedra ao 31 de decembro de 2021 para ter rematado o edificio sen perder a subvención (axuda destinada á mellora de equipamentos, servizos ou dotacións singulares para municipios de menos de 20.000 habitantes) permitirá que o Concello asuma o 20% do custe e o ente provincial o 80% restante.

“Estamos moi satisfeitos porque ao fin podemos retomar esta obra con todas as garantías legais e co compromiso da empresa de tela rematada no primeiro trimestre de 2021”, destacou Juan González, alcalde de Nigrán, no acto de firma deste martes.

Segundo explicou a directora da obra, a empresa adxudicataria Consvial S.L. dedicará este semana a adecuar a parcela para poder desenvolver a súa labor (novo peche perimetral provisional, casetas de obra, distintos elementos de seguridade, etc.) para comezar coa execución este luns, sumándose nos picos de maior traballo ata 15 operarios.

O arranque será desde o día 30 de novembro pola fachada, onde quedou por rematar a cubrición en pedra, para continuar despois con outros elementos. Paralelamente, o Concello encargou xa ao equipo redactor un borrador para a dotación do edificio (mobiliario, equipos técnicos, etc) co propósito de consignalo orzamentariamente nas contas de 2021 e iniciar a súa contratación. “O obxectivo é ter o edificio rematado antes do verán para poder inauguralo canto antes sexa posible, pero sempre estando convenientemente dotado e con todo o traslado feito, non inauguraremos nunca a medias”, sinala o rexedor.

Edificio bioclimático

O novo edificio se expón nunha parcela municipal (FR-5) de 443 metros cadrados e de forma trapezoidal no centro do municipio (á beira da Estrada pola Vía, á altura do número 118, fronte a rúa do Panasco) nun lugar facilmente accesible para a veciñanza tanto en transporte público como privado. O feito de que se trate dunha parcela con forte desnivel permite que se poidan crear duplicidade de entradas, con accesos tanto dende a planta baixa como dende a primeira, o que favorece unha utilización polivalente das instalacións. Dende o punto de vista urbanístico, a construción xera unha praza cuberta que se abre á praza existente e que supón unha zona previa a entrada por planta baixa.

O proxecto contempla un edificio de catro alturas de planta irregular e cunha superficie total construída de 1.260 m2 (a actual biblioteca do Ceán ten 120 m2) e clasificado coa letra A no seu Certificado de Eficiencia Enerxética (máxima categoría). Trátase, por tanto, dun edificio bioclimático que dispón das últimas tecnoloxías en instalacións para acadar esta sostibilidade ambiental.

Cun deseño minimalista na que a fachada se expón de granito silvestre e cunha planta que se adapta á forma trapezoidal da parcela, consta de catro andares sen soto. Na planta baixa (191 m2) disponse dunha sala de usos múltiples vinculada á praza cuberta adxacente, almacén e aseos; na planta primeira (269 m2) hemeroteca, sala de ordenadores, recepción e zona de préstamo infantil e xuvenil; na segunda (272 m2) zona de préstamo para adultos e na terceira (235m2), zona de estudio que se comunica a dobre altura coa zona de préstamos do nivel inferior.