“A violencia de xénero non ten cabida na sociedade que aspiramos a ser”

O Concello de Nigrán conmemorou un ano máis o 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, coa lectura pública dunha moción institucional ao respecto e a campaña “Nigrán en Negro”. Así, a iniciativa do Centro de Información ás Mulleres (CIM) preto de 150 establecementos comerciais do municipio “visten” esta semana os seus escaparates de negro en sinal de loito polas víctimas de maltrato e os centros educativos tamén participan hoxe con diferentes accións. Paralelamente, a edil de Igualdade, Patricia Diego, leu ás 12:00 na Praza do Concello unha moción institucional que irá ao pleno ordinario do 30 de novembro e na que se reitera o compromiso do Concello para erradicar esta lacra da nosa sociedade. Nesta campaña 2021 #NigranEnNegro repartíronse entre establecementos e entidades participantes 600 máscaras, 150 camisetas, 250 chapas, 500 bolígrafos, cartelería…

Neste 2020 cúmprense 20 anos da designación desta data por Nacións Unidas. E un ano máis o Concello de Nigrán quere mostrar o seu apoio a todas as vítimas: ás mulleres asasinadas, aos seus fillos e fillas orfos; ás súas nais, pais, irmáns, irmás, amigos.

“Compartimos a súa dor, a súa desolación e combatemos a súa causa. A violencia de xénero non ten cabida na sociedade que aspiramos a ser, nin na democracia que queremos consolidar. Eliminala das nosas vidas e protexer ás vítimas non é unha opción, é unha obrigación. A violencia machista interpélanos a todos e as administracións locais debemos combatela con todos os medios ao noso alcance”, recolle a moción que leu Patricia Diego e que finaliza coas seguintes propostas:

1. Ratificar o compromiso firme do Concello coa igualdade de xénero, os dereitos das mulleres e a erradicación de calquera tipo de violencia contra as mulleres.

2. Impulsar e/ou reforzar as medidas contidas na Lei Integral contra a Violencia de Xénero do 28 de Decembro de 2004 e no Pacto de Estado en materia de violencia de xénero no marco das competencias municipais, así como o seu seguimento.

3. Dotar dos recursos económicos adecuados os instrumentos de loita contra todas as formas de violencia contra as mulleres.

4. Promover accións de prevención, sensibilización, difusión, acerca da Violencia de Xénero en mulleres maiores de 65 anos destinadas a mellorar o coñecemento dos seus dereitos e dos servizos dispoñibles para atendelas.

5. Reforzar as medidas dirixidas atención ás mulleres que viven no mundo rural, aumentando o número de recursos especializados de atención de forma coherente coa realidade rural e a distribución xeográfica. Adaptación das campañas de prevención e sensibilización ás súas necesidades.

6. Impulsar a colaboración coas entidades e asociacións da sociedade civil que loitan contra a violencia machista.

7. Intensificar e adaptar todos os recursos dos que dispón o concello relacionados con atención a vítimas de violencia machista durante a pandemia.

8. Combater os posicionamentos políticos que propugnen a negación da existencia da violencia de xénero ou rexeite a validez das políticas públicas enfocadas á súa total erradicación.

9. Rexeitar todas as formas de violencia contra as mulleres e manifestar o noso compromiso coas vítimas.