O “miniecopunto” para a reciclaxe dos residuos electrónicos chega ao IES Auga da Laxe

O “miniecopunto” para a reutilización e reciclaxe dos residuos electrónicos chega ao IES Auga da Laxe. O obxectivo é achegarse á poboación máis nova e concienciarlle sobre a necesidade de facer unha correcta xestión dos residuos que xeran e que, no caso dos electrónicos como móbiles, tablets ou cargadores poden ser reutilizados unha vez que se desbotan.

O “miniecopunto”, que estivo xa dez días na Praza de Abastos, desprazarase cada dúas semanas a unha nova situación co fin de percorrer todas as parroquias de Gondomar e facilitar o seu uso á maior parte da veciñanza.

Esta medida enmárcase dentro do proxecto de Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión de Residuos e Aparellos Electrónicos (ESTRAEE), promovida pola Deputación Provincial e á que se adscribiu o Concello de Gondomar, e cuxa finalidade é impulsar no espazo Galicia-Norte de Portugal a xestión do lixo electrónico.